Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A casiña do Rei

Agora só é unha pedra cos rebaixes onde supostamente apoiaban as trabes, situada no monte comunal de Parada, en Lobeira (Ourense), pero antes foi unha casa, "a Casiña do Rei", e hai quen supón que realmente alí estivo agachado, fuxindo de intrigas pacegas, o rei de León e Galicia Afonso IX polo ano 1188, e que en agradecemento concedeu a Lobeira o foro municipal datada no 1228.
Cando era casa vivía nela un labrego moi rico. Disque tiña trece becerros pacendo na Cabreira, terras que lle daban pan para todo o ano e tantas ovellas que aínda non saíran as últimas da corte e xa estaban as primeiras en Salgueiro.
Este labrego rico tiña unha filla moi bonita e unha vez presentáronse na porta da casa un fato de militares pedidno pousada. O labrego recibiunos e fíxolles acomodo pero agachou a filla onde non a visen por medo a que se enredasen con ela.
Pasaron días ata que un daqueles homes lle revelou ao labrego que entre eles estaba o rei. O home dixo que se aledaba pero ao mesmo tempo tomouno un desasosego; os visitantes non marchaban:
—¿Que tes? —preguntoulle o rei—. ¿Que é o que tanto te desacouga?
Entón, o labrego, confesoulle como tiña a filla escondida por medo a que correse algún perigo. Inmediatamente o rei chamou a todos os seus homes e fíxolles esta advertencia:
—Este home ten un filla e por medo a vosoutros tena escondida. A partir de hoxe vai saír dos seu escondedoiro pero se algún se atreve a facerlle dano ou sequera a mirar para ela, mándoo matar.
E así vos foi. Pasaron moitos máis días en tranquilidade ata que chegou o da despedida e díxolle o rei ao labrego:
—Estivemos moito tempo na túa casa e fuches moi bo connosco. Dime o que queres, que cho concedo.
—Eu non quero nada —respondeu o labrego. Cando deus dá, dá para todos.
Pero o rei insistiu ata que o labrego se decidiu a pedir. E dixo:
—Pois entón pídolle que Lobeira non dea soldados ao rei e que non pague a contribución.
E, polo visto, o rei concedeullo.

Nunha variante desta lenda (Véxase LORENZO, X., Foro de Lobeira) o rei era de Ourense e agradecido polo bo trato que lle deran, berrou:
-¡Lobería, Vila Real!
Véxase o documento: “Os tres irmáns da Casiña do Rei”

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: