Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Torre dos Mouros








Na aldea de Sevil, parroquia de Cequeril, concello de Cuntis (Pontevedra), consérvanse, perto do río Umia e a non moita distancia do castro denominado Castro Sevil, os restos do que debeu ser unha construción medieval. Unicamente se pode ver o chan de pedra cunha zona de escaleiras, algunhas cantas pedras ben traballadas, que insinúan o inicio dalgunha parede, e mesmo unha columna. Perto deste lugar hai moitos valos que pechan algunhas leiras e que, sen dúbida, foron construídos cos restos procedentes desta torre, pois están feitos con pedras moi ben labradas para tratarse de simples valados.
Dado o misterio que envolvía a orixe destes restos arquitectónicos, afastados por completo das zonas habitadas hoxe, a imaxinación popular buscoulle decontado unha explicación. E como non podía ser doutra maneira, aquí aparecen os míticos mouros, sempre usados como explicación de todo o que escapa do coñecemento empírico popular. Por iso estes vestixios son denominados como a Torre dos Mouros, un lugar completamente empapado de mitos, fábulas e tradicións.
Entre elas convén salientar o feito, difundido tamén no caso dalgúns castros do mesmo concello e outros lugares encantados de Galiza, de constatar a existencia dunha cultura moura oculta que habita baixo os nosos pés. Neste caso ademais a tradición indica que estes mouros tiñan un túnel subterráneo que empregaban para iren ao río a dar de beber aos cabalos perto da Ponte do Ramo, nunha zona onde había un antigo cemiterio. Asegúrase que a entrada deste túnel foi tapiada para evitar que entraran a xogar os rapaces e se puideran mancar. O outro lado do túnel está dentro do propio río, nunha zona con moitas pedras dispersas, restos dalgunha construción e mesmo cunha soleira de pedra labrada dentro da auga.
Tal como fai constar Adrián Fontenla Varela no traballo titulado ”A viga dos mouros do castro Sebil”, publicado tamén en Galicia Encantada, os mouros que habitaban esta torre eran continuamente acosados debido á posesión dunha cobizada viga de ouro, morrendo o último deles a consecuencia "dunha frecha disparada desde o monte de Cequeril, ao outro lado do río". Polo que me teñen contado, este mouro estaba a dar conta dunha boa cunca de papas no momento en que o mataron.

[Fotografía da “Ponte do Ramo” de Lucía Couso. Texto de Marcos Seixo Pastor, de Cuntis (Pontevedra)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: