Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O frío fociño do lobo

Había dous pastoriños que estaban coas ovellas onda o castelo de Rechouso, en San Ciprián de Hermisende (Zamora). Un coñecía o sitio e o outro non. O que sabía non paraba de falar e contar o que lle contaran tantas veces. Que alí había unha raposa gravada en ouro sobre unha fraga. Que había un espazo amplo con entrada estreita que chamaban a igrexa dos mouros. Que se sentía caer unha pinga que producía un son metálico, como se batese nunha panela metálica. Que había tesouros enterrados. O que coñecía os misterios do castelo amosoulle ó outro un buraco nunha fraga e convidouno a espreitar. O rapaz foi metendo a cabeza devagar pero despois non era capaz de recuar. Quedou alí preso, enganchado polas orellas. Non había forma de sacalo. A compañeiro tentou tirar del, pero mancábao e berraba. Ata que lle dixo: “Mira, vou ir á casa na procura de axuda, ou por un pico para ver se che podo sacar”. E advertía: “Pero tes que ter coidado co lobo. Se vén o lobo e che atopa aí entalado igual te come”. O rapaz apresado pola boca da fraga preguntou: “E como podo saber eu se vén o lobo, se non podo revolverme?” E o outro: “Pois mira: vouche baixar os pantalóns. O lobo ten o fociño moi frío. Se sentes que anda roldando, trata de afastalo patexando”. O rapaz libre baixou ata os prados de Rechouso, achou un cacho de carouxo e pensou nunha solución que lle aforrase a camiñada ata o lugar na procura da xente ou do pico. Entretívose un cacho para facer ver que tardaba un tempo razoable antes de volver polo calado e arrimar o anaco de carouxo ó cu espido do compañeiro. En canto o coitado cativo sentiu o frío fociño do lobo nas cachas deu un tirón tan forte que puido, por fin, liberarse. Iso si, deixou as orellas alí, apegadas á boca daquela fraga con fame.

[Texto remitido desde o seu blog por Xabier López Rodríguez, en maio de 2008. A fonte oral, en parte é de Horacio Rodríguez (recentemente desaparecido), en parte propia colleita de quen nolo remesa ]

Nota do editor:
Compárese con ”As orellas do Monte de Rubiás.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: