Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A lenda da ceguiña

Ía unha ceguiña de peleriñaxe a Compostela, camiñando desde os montes do Seixido, aló pola Lama, ao pé do Suido. Camiñaba aproveitando os camiños que deixaban as bestas que se crian nos montes daquela zona, e as beiras dos regatos, cando chegou á aldea de Augasantas,en Cotobade (Pontevedra). Alí soupo que había unha fonte de augas milagreiras que curaban muitos males.
A ceguiña pediulle á Virxe que lle voltase a vista, aínda que só fose para poder chegar a Compostela e ver ao apóstolo. Tanto rezou e tan ben o debeu facer que a Virxe María aparecéuselle e indicoulle que lavase os ollos cegos na auga da fonte milagreira. Así o fixo a mulleriña e, no momento, comezou a ver todo de bonito que tiña o mundo. Nomeadamente o fermoso espectáculo que se albisca desde o alto en que está a fonte até a fenda que abre o río Verduxo que rega aquelas terras. A cega agradecida deu a noticia da sua curación, e como recompensa mandouse facer unha igrexa a beira da fonte que ainda hoxe continúa a deitar auga fresca e sabrosa. Seino porque teño ido muitas veces alí cós meus fillos. Sempre tivemos os ollos bastante sans.
O Padre Sarmiento na viaxe que fai a aquelas zonas recolle a lenda da ceguiña e dá testemuña da igrexa que estaba a ser rematada cando el visitou o lugar. Igrexa que el louva polo fermosa e grandiosa.
A Virxe de Augasantas ten sempre un fermoso manto. Muitos dos habitantes da zona emigraron a Brasil ou a México e envían muitos cartos para que a súa Virxe teña sempre un rico manto có que adornarse.
Non sabemos se a Virxe non preferiría ver aos fillos de Augasantas tendo un traballo digno na terra en lugar de fermosos vestidos. Iso aínda non nolo dixo porque nestes tempos non acostuma a aparecerse nen Virxe nen Santos. Mais, pola pouquiña xente que ainda fica lá pensaremos que sería necesaria outra milagre para recuperar as ricas zonas de pastos e de horta que teñan alimentado a tantos homes e mulleres noutrora.

[Texto remitido por Adela Figueroa, de Lugo, en maio de 2008. A fonte é a da igrexa parroquial de Augasantas, en Cotobade (Pontevedra)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: