Andel de Marabillas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Santa Lucía
Poucos atributos de santos ou santas magoan tanto a vista como a contemplación do prato cos dous ollos que sostén Santa Lucía. Axiña a nosa mirada procura as concas dos ollos da virxe e comprobamos, milagre auténtico, que os conserva no seu oco natural. O motivo dos ollos foi engadido en atención a unha crenza popular que asegura que é avogosa contra os males da vista.
E poucos son tamén os santos ou santas que nos ofrecen un tan amplo e rico refraneiro como o asociado a esta santa que celebramos hoxe, 13 de decembro. Entre os ditos un ben enigmático que asegura que Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día. Hai un par de explicacións para esta arriscada sentenza que comentaremos máis adiante.
Segundo a historia fabulosa que dela conta Santiago de la Vorágine, Lucía foi unha fermosa moza de rica familia que viviu aló polo sáculo IV en Siracusa, Sicilia. Orfa de pai, converteuse á nova fe des que viu curar as hemorraxias da súa nai tras acompañala ante o sartego de Santa Ágata. Tras este impacto, Lucía tomou a decisión de entregarse á causa de Cristo e doar toda a fortuna familiar aos necesitados.
Esta arroutada non lle sentou ben a un mozo que a pretendía, probablemente devecido polo capital que vía esvaecer e denunciouna ante o cónsul, acusándoa de corrupta e de fervorosa crente. Tan graves acusacións ao entender dos xerifaltes pagáns merecía castigos exemplares. Levárona a un bordel e fixeron que a violasen, ao que ela respondeu aquela frase que copiou Santo Agostiño: “Se a mente non consente, o corpo non peca”.
Logo mandaron que lle desen escarmento público máis ninguén, por moitos milleiros de forzudos brazos e de mil parellas de bois estimuladas con afiadas aguilladas conseguiron arrincala de onde estaba. Nin os magos máis sabidos do imperio conseguiron movela a pesar de que a enchouparon en ouriños, crenza entón común para desfacer encantamentos.
Untárona con resina e pez, pousárono nunha pía de leña e prendéronlle lume pero o seu corpo non ardeu, e aínda falou e dixo cousas sensatas ata que comungou e, agora si, expirou.
Sobre o dito que afirma que a partir deste día mingua a noite e medra o día hai dúas explicacións. Unha, moi complexa e só útil para o hemisferio norte, dinos que o 12 de decembro comezan, efectivamente, a crecer “a paso de pita” as horas de luz polas tardes pero tamén o é que amence máis tarde cada día ata o 11 de xaneiro que comezará a facelo progresivamente máis cedo. Comezan a crecer as horas de luz do día e, por conseguinte, a decrecer as de escuridade a partir do solsticio, que xeralmente ten lugar o 21 de decembro.
Outra das razóns que lle daría sentido sería estoutra. En outubro de 1582, cando se levou á práctica o cambio do calendario xuliano ao gregoriano, reducíronlle 10 días ao ano, concretamente os que ían desde o 4 ao 14 dese mes. Como consecuencia, o día de Santa Lucía que por mor dos desfases acumulados coincidía co solsticio de inverno foi retrasado eses 10 días e o refrán, que xa sería popular, quedou fosilizado na memoria da xente como se non mudara nada.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 13 de decembro de 2021.