Andel de Marabillas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Os días do cuco
Como o refraneiro é inapelable e sentenza que entre marzo e abril se non vén o cuco, vén a fin, debo anunciar para tranquilidade xeral que este ano o cuco xa chegou e xa cantou, que saíu do cubil e que pregoou aquilo de que “en abril vivo e en maio, revivo”.
Veu o cuco e con el, para acompañarnos nestes días desesperanzados e para darnos azos nutritivos, a desexada primavera.
Das aves que se fan notar logo do equinoccio primaveral, o cuco, xunto coas andoriñas, é das máis agoireiras. Anuncia o bo tempo e a urxencia das sementeriras —coa chegada do cuco vén o pan ao suco— aínda que Xavier Moure manda recado desde os Ancares para comentarnos que hai que ter moito coidado, que tras anunciar o cuco co seu monótono cucú a chegada da primavera pode deixar de cucar momentaneamente e viren aínda días fríos e ata nevarentos. É a chamada 'neve do cuco'.
Como é ben sabido, o cuco non fai niño. Disque deixou de facelo cando lle queimaron a nai nunha meda de centeo, accidente do que quedou cun dobre trauma. O primeiro, por non ter nai, por iso pon os ovos en niño alleo, e o segundo, non soporta ver medrar as medas de cente, así que cando se pon a xente a medar aló polo mes de agosto, o cuco foxe, anunciando así a inminencia do inverno.
O cuco é folgazán, nin fai niño nin bota unha man nos traballos do verán. Se vai sol di que se ten que poñer á sombra. Se está nubrado di que non pode axudar, que ten que cucar. Só cando chove se ofrece, xusto cando non hai laricos que facer. Cuco, por que non cucas? Porque non teño trigo nin huchas!
Non nos dá a mantela deste artigo para comentar as moitas interpretacións que se fan, positivas e negativas, do canto do cuco. A cucomancia non é ciencia exacta pero serve de oráculo fiable en moitos casos. Que se o seu canto anuncia boas ou malas colleitas, que se de escoitalo en xaxún 'capa' e trae mala sorte. Que se responde a preguntas como cantos anos viviremos ou cando casaremos...
Ao cuco gústalle que o aseñoreen e que lle chamen, por exemplo, señor Martiño. Dicirlle 'cuco' a unha persoa é tratalo de astuto, pillabán, egosita, folgazán e infiel.
Tampouco está comprobado cientificamente se o cuco migra ou hiberna. Hai varias teorías sobre este particular. Para Eduardo Lence Santar, cronista e etnógrafo, o cuco vaise no inverno e regresa na primavera. Entra na Mariña a primeiros de abril polo lado de Ribadeo. Logo cuca na feira de Santo Acisclo e ao día seguinte xa se escoita por todo o Valadouro. Pouco despois cuca no Bosque de Silva para que o escoite Álvaro Cunqueiro desde o faio da súa casa e faga —segue atento— a crónica correspondente.
Sobre este particular e sobre outros asuntos, Cunqueiro opinaba diferente a Lence. Cría que o cuco queda entre nós, que busca acomodo nunha caracocha o día de San Miguel e que trata de durmir pero tarda. Non se fía; ten medo dos gatos e dos raposos, esperta sobresaltado moitas veces ata o Día de Todos os Santos. Desde entón dorme dun tirón e pon rumbo a abril, coa cabeza debaixo da ala. Disque soña e fala en voz alta!
© Antonio Reigosa