Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Castro Perroño

O castro Perroño da parroquia de San Miguel de Arca, A Estrada (Pontevedra) tamén é coñecido como Castro da Perita. Dise que este nome venlle de ter sido dono del en tempos un perito que vivía na parroquia; como o perito morreu novo herdou a propiedade a súa vúva, a “perita”, e de aí o nome.
Neste castro hai trabe de ouro e trabe de alcatrán baixo protección dos mouros. Ninguén as busca pois se aparece primeiro a de alcatrán, morrerían todos abrasados. Tamén hai unha galiña con pitos de ouro.
Baixo o castro viven os mouros, que non se deixan ver pois só traballan de noite e teñen moitos tesouros. Hai veciños que os escoitan bailar e cantar polas noites. Disque desexan ir á sua terra por mor de facerse cos planos dos moitos tesouros que hai por alí agachados.
Un home da aldea tiña tratos con eles e leváballes botellas de viño polas noites a cambio duns galanos que se convertían en ouro. A condición era que non llo contase a ninguén, nin siquera á súa muller. Mais un día a esposa descubriu os regalos e pediulle explicacións; e o home acabou confesando. Con aquela confianza, a muller do home aquel mandoulles aos mouros, aproveitando unha entrega de viño do seu home, un detalle en agradecemento; e os mouros devolvéronlle a cortesía agasallándoa cun refaixo. O home quixo ver como lle quedaría a prenda á muller e pousou o refaixo sobre un piñeiro. Afortunadamente para a muller, o refaixo prendeu lume a lí arderon prenda e piñeiro. Logo, o home desapareceu e non volveu endexamais.
Preto do castro un veciño atopou unha cunca de barro cun líquido callado que se lle convertiu en ouro. Outro veciño atopou unha barra de ferro, chantouna cabo do castro e tamén se lle transformou en ouro.
Unha muller de Nodar á que lle faltaba un ollo asistía os partos das mouras do castro Perroño. Un día na feira saudou a un mouro do castro e este preguntoulle:
—Como me coñeces?
—Por este ollo—sinalándolle o ollo san.
—Pois agora xa non me verás máis—díxolle o mouro.
E cegouna tamén daquel ollo.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: