Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Monte Molide e o cruceiro

O Monte Molide está entre as parroquias de Ancorados e Berres, A Estrada (Pontevedra).
O cume é unha chaira chea de penedos e sen arboreda. Aquí librouse unha batalla feroz contra os mouros que, unha vez derrotados, foron soterrados alí mesmo; por iso non nace herba nin medran as árbores.
Neste monte, nun cruce de camiños, houbo en tempos un cruceiro que era sinal de tesouro. Unha vez chegou á noitiña á casa dos Besteiros de Riobó un home de Ourense pedindo pousada. Logo preguntou polo Monte Molide, e se había alí un cruceiro, e como lle dixeron que si, anunciou que ao outro día tiña que subir ao monte por un asunto importante.
A muller da casa deulle a cea acompañada de abondoso viño, e logo preguntoulle polo asunto importante que o levaba ao Monte Molide; e, entre vaso e vaso de viño, sacoulle a información que buscaba: cabo do cruceiro había un tesouro.
—Pois déitese que pola mañá xa o acompañamos ata alí—díxolle a muller.
Mais en canto adormeceu, a xente da casa colleu ferramentas e foise para o monte cavar.
Cando amenceu chamaron ao forasteiro, o dono da case ofreceuse a acompañalo pero, como sabedes, ao chegar xunta o cruceiro, atoparaon todo sachado e remexido.
O forasteiro arrincaba os pelos da cabeza mentres o dono da casa simulaba compadecelo. O tesouro, polo visto, xa estaba ben gardado.
Outra historia sobre o cruceiro. Sendo neno Ramón Rodríguez, veciño de Berres, viu, mentres gardaba as vacas, a un home sentado nas gradas do cruceiro. Aquel home primeiro leu nuns papeis e despois mediu uns pasos en varias direccións. Aquel día o home non fixo máis pero cando o neno volveu co gando por alí uns días despois viu que cabo do cruceiro remexeran a terra e entre a terra remexida atopou unha moeda de ouro.
E aínda outra lenda. Outra vez regresou de América, de Arxentina, un veciño. Nada máis chegar colleu pico, pa e sacha e foise para o cruceiro do Monte Molide. Sachou coma un tolo pero non atopou nada. Coa rabia, dixéranlle que alí había un tesouro, comezou a petar no cruceiro e esfarelunoo todo: gradas, pedestal, capitel, cruz e cando lle tocou ao fuste ou columna, que estaba oco, comezaron a saír onzas de ouro.
Xosé Neira, veciño de Mamoela, lembra ter visto na casa onde naceu anacos daquela columna oca cun burato dun diámetro suficiente para encaixar o mango dunha ferramenta.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: