Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Nubeiros en Vilarente

Pasou en Vilarente, no concello de Abadín (Lugo). Había un cura que esconxuraba e dicían que cando había tronada que se vían os nubeiros.
Un día que se armou unha treboada meu avó estaba na rectoral. O cura púxose a ler nun libro e, mentres lía, suaba; veña ler e veña suar.
Ata que dunha vez o cura chamou a meu avó e díxolle:
-¿Tu queres ver o que pasa aí fóra, os nubeiros eses que van aí?
-Eu quero.
-¡Pois tócame no ombro esquerdo¡ -Non sei se era coa man dereita, non recordo-. ¡ Tócame aquí e verás!
E nada máis tocarlle, dixo meu avó, viu non sei cantos homes con lanzas e cousas ameazando ó crego. E un daqueles homes veu cara ó cura cun coitelo na man, de fronte. E, entón, o cura preguntoulle:
-¿Que queres?
-¡Quero unha espiga de trigo! -respondeulle o nubeiro-.
-¡Non! ¡Non, unha espiga de trigo non cha dou, que me levas a colleita toda!-díxolle o cura.
E o cura, sen máis conversa, arreboloulle a sola dun zapato. O nubeiro marchou e descargou nunha carreira que hai moi fonda a carón da igrexa parroquial. Descargou alí toda a malicia.
E cando se foi derretendo aquela area que deixara o nubeiro víanse unhas pedriñas coma bólas moi lisiñas, moi bonitas.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: