Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O monstro da Lagoa do Castelo

Esta lagoa está entre as Serras do Castelo e a pena chamada O Castelo, entre as parroquias do Burgo do concello de Muras e a de Lousada do concello de Xermade, ambas da provincia de Lugo.
A lagoa só é tal no inverno cando as chuvias, ata acadar uns setenta centímetros de fondura; no verán seca e só queda á vista unha chaira duns vinte metros de longo cunha pena no medio que facía de mesado para comer.
Pois no fondo desta lagoa disque había unha campá de ouro e mais un mostro; cando desparecen as augas, o monstro entárrase e leva consigo a campá para o sochán.
Unha vez ao cura da parroquia antollóuselle ter unha campá de ouro na súa igrexa. Foi e pediulle a un recén chegado de Cuba un libro de maxia negra e, na compaña do sancristán, púxose a ler no libro na beira da lagoa. Despois de ler un bo anaco abriron as augas, e díxolle ao sancristán:
—Terma do libro mentres que eu entro pola campá; e non se che ocorra cerralo porque se o fas cérrasme a min nas augas.
Meteuse o cura entre as augas na procura da campá e o sancristán, mentres, esquecendo o que lle dixera o cura e para que a xiada non mollara as follas do libro, vai e pechouno.
As augas cerráronse de contado e ao momento víronse aboiar os pulmóns do crego e mais a cabeza do monstro.
Do sancristán sábese que tomou moito medo e que marchou do lugar dándolle sebo ás canelas.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: