Fonte da Perdiz
A Fonte da Perdiz está en Santalla de Pena, concello de Begonte (Lugo). Dous rapaces da casa de Fro viñan de noite de ver dúas mozas e cerca da fonte que chaman da Perdiz, a carón dunha finca de centeo, sentiron unha cousa rara. Eles pensaron se sería un encanto. Aquelo insistía, veña pola finca adiante, rego vai e rego vén. Eles non sabían moi ben o que era pero por encanto "lo trataban".
-Encanto, ¿que es que nos querías?
Entonces viron que era un can que tiña un axóuxere precioso amarrado no pescozo e o can seguía correndo, indo e vindo. Cando se achegaba, falábanlle:
-Encanto, ¿que nos querías?
Dunha vez dixeron :
-Esto é un encanto que nos apareceu aquí. Vámoslle pedir que se é un encanto que se presente a nós.
Pero sentían tocar o axóuxere e non vían nada.Despois o can achegouse e eles trataron de agarimalo pero non lles esperaba; deu en correr e eles foron tras del. O can parou nunha casa.
Os rapaces chamaron á porta:
-¡Vostedes saben que teñen ..., esto?
-Non.
-¿Nin coñecen este can?
-Non.
-Pois este é un encanto que atopamos nosoutros.
Saíu unha señora que había na casa e di:
-¡Vaia, vaia!, dous rapaces tan novos e que axiña encontraron os encantos.
-E a vostede, señora, que ten experiencia de algo, ¿que lle parece?
E di ela:
-Pues eso es una cosa buena, hombre; una cosa buena.
Eles marcharon e pareceulles oír así como unha música, na noite. E íanse achegando a ela e non vían nada.
Pasou e outro día, de alí a pouco, viñan do traballo e na Fonte da Perdiz pararon a coller auga. Pois na mesma fonte sentían tocar eles aquela orquestra. Dicían eles:
-¡Estamos encantados! ¡Estamos en gracia de Dios! ... ¡Oír esto!
E cada vez que os rapaces ían á fonte sentían a música e ían os demais e non sentían nada.
BIBLIOGRAFÍA