Actualizado en data 03/01/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 21 (2025) SOLLA, Calros: A Pedra do Biolo: a matriz rexeneradora do Castra Seghón

No Castra Seghón, outeiro do monte de Chamadoira, localízase O Biolo, unha pedra furada coa que se esconxuraba o anghinido, unha doenza infantil do pasado.

© Calros Solla

Na converxencia das estremas parroquiais de Cerdedo, A Corredoira e Caroi érguese o outeiro do Castra Segón. Coordenadas do coto.- X: 547.588; Y: 4.705.522; 601 m de altitude. O Castra (ou Castro) Segón (óese Seghón) é un baluarte rochoso de orixe natural e forma semicircular. Os afloramentos graníticos, dispostos en arco e en declive, parapétanse cara ao norte e esvaecen cara ao sur. A cimera do castro localízase a uns 60 m da estrada que, polo sur, cingue a penela, pondo en comunicación os lugares do Casal (A Corredoira) e do Meixón (Caroi) co lugar de Chamadoira (Cerdedo). Segundo testemuños recadados recentemente, na cimeira do Castra Seghón, ao escusado do pedregal, situaríase O Biolo ou a Pedra do Biolo.

En pouco máis de 300 m de lonxitude, a ladeira noroeste da cuíña do Castra Seghón presenta un desnivel de 100 metros até a fondeira, sucada polo río do Porto das Cubas, denominación do treito primeiro do río das Cervas, afluente do río Lérez pola marxe esquerda.

Sen xeorradar ao que botarmos man, non podemos afirmar que o subsolo de Castra Seghón agoche vestixios habitacionais da Idade do Ferro. A forma “castra” ou “castro” (lat. castrum “fortificación”) designaría, cando menos, unha atalaia roqueira de esculca avantaxada e doada defensa. Polo que respecta a “Seghón”, crémolo derivado de “sega”, deverbal de “segar” (lat. secare “cortar”). Segar é sinónimo de seiturar ou ceifar, todos tres verbos relacionados coa recolleita do cereal (trigo, centeo...).

Agora ben, sendo Castra Seghón un lugar exposto, pedrallento e corgueiro, pouco cereal lle auguramos como para ser merecente dun aumentativo (Seghón).

Cando a finais dos anos 90, me ocupei de recoller a toponimia da parroquia de Cerdedo (Solla, C.: Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo, 2002), anotei para as aldeas de Chamadoira e San Bernabé os microtopónimos O(s) Seghón (-ghós) e Outeiro do/O _Castra Seghón. O Biolo ou a Pedra do Biolo non aparece entre as respostas, quizais por esquecemento, quizais porque os informantes de antano, centrándose en dar conta das leiras, alargos e cortiñas, non consideraron constar un penouco no seu “catastro”, por moi santo ou avogoso que fose.

No drag consígnase a palabra “biolo”, atribuíndolle o seguinte significado: “Pequena abertura no teito, nunha parede ou nunha porta”.

Aínda que O Biolo cative arestora a nosa atención, Castra Seghón tamén se acrisola con lendas de mouros: Hai anos, os de Chamadoira levaban o gando a pacer até o Castro Segón, onde se dicía que vivían os mouros. Cumpría ter conta dos animais porque, de ficaren sós, os mouros saían dos seus escondedoiros e muxían nas vacas até deixalas secas (en Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, Ed. Morgante, 2009, páxs. 28-9).

Algo alcanza aquel que non cansa. Consonte os informantes entrevistados hogano, O Biolo nomearía, “no monte de Chamadoira de cara a Caroi”, unha pedra atravesada por un burato, unha pedra furada, vaia. O orificio tería función ritual pois, dende tempo esquecido, o lugar, recóndito e discreto, fora empregado pola comunidade aldeá para a práctica máxica da corta do “anghinido”. Identificábase o anghinido cunha sorte de diabólica influenza que afectaba os nenos acabados de nacer, provocándolles choremia, amortuxamento, coloración denegrida, deformacións esqueléticas e mesmo a morte. Velaquí o anghinido, presente nunha copla de rexouba:

Cara de leite fervido,

cara de leite fervido;

inda me dixeron onte

que tiñas o anghinido.

Francisco de la Huerta y Vega, no libro Anales del Reyno de Galicia (1733), explica: Padecen los niños una enfermedad, que en idioma del País llaman ‘o enganido’, que es a manera de tísica, que les va consumiendo hasta que mueren, sin querer tomar los pechos a las madres, ni gustar cosa alguna.

Poderiamos daquela asociar o apelativo “Seghón” xa non cunha pródiga aínda que esgrevia estivada, senón coa “corta efectiva” da sobredita doenza infantil. Estes lugares excepcionais, ben coñecidos polo pobo, adoitaban escollerse como fitos de deslinde, lugares liminares no eido físico mais tamén no psíquico.

Non era a primeira vez que os meus inquéritos recollían a relación entre os predios próximos á aldea de San Bernabé e a taumatúrxica curación do anghinido (variante de “enganido”, “engaraño”, “tangaraño”, “tángano-mángano”...). Hoxendía a meirande parte dos entrevistados asocian o anghinido coa miseria e a desnutrición (carencia de vitamina D). De entre os moitos lugares prescritos na parroquia de Cerdedo para a esconxura deste mal, tiñan moita sona os carballos fonchos da carballeira do San Bernabé, que antano arrodeaban a ermida –o templo primixenio remóntase á epoca medieval–. A avogosía dos carballos acabouna herdando o santo.

Perante a Pedra do Biolo, o ritual para a esconxura do anghinido requiría da participación do cativo enfermo, da súa nai (non sempre) e doutras dúas mulleres, de nome María, que accedesen “a obrar con fe” (houbo quen apostilou: “dígao ou non a cédula, todas as mulleres son Marías”). Coa nai da crianza á parte, as dúas Marías –unha co cativo no colo– situábanse fronte ao burato en cadanseu extremo. Deseguido, procedíase mediante unha fórmula e manobra que se repetiría por tres veces (ou nove):

María, ti que me dás?

Douche o anghinido. (Facendo pasar o cativo polo orificio).

O anghinido non cho quero; quero a ... (o nome e o primeiro apelido do rapaz), meu fillo querido (ou tamén: curado e vivo).

Pola ghraza de Deus e da Virxe María, un nosopai e unha avemaría. (Ecléctica cristianización).

Amais das cachopas furadas do San Bernabé e a Pedra do Biolo, velaquí outros métodos (ou escenarios propiciatorios) de introdución do neno doente empregados para a esconxura do anghinido na terra de Cerdedo: a) Por entre as patas dunha mesa onde o crego pousara antes o Santísimo, é dicir, a partícula custodiada que se levaba en presenza do moribundo cando este recibía o viático. b) O forno quente despois da enfornadura (a uns 200 graos), unha vez librado das fogazas: o recén nado atábase á pa do forno e introducíase espido tres veces na caldeira. c) A través dun dos cancís do xugo que, previamente e sen animais, se xunguira á cabezalla do carro, upada no tentemozo. Cumpría que o xugo se adobiase coa cruz ou outros signos profilácticos. d) A través do boquelo circular armado cunha póla nova e esfollada de salgueiro ribeirán, que no crecente lunar se dobrara e cadrelara sobre si sen fender (as ablucións da criatura no mansío eran optativas). e) Pasándoo polo aro confeccionado coas espadanas empregadas como alfombra floral nas procesións e sobre as que transitara o santo ou santa de devoción. f) Por tras do chorro dunha fonte dotada de cano (as ablucións da criatura na auga do pío eran preceuto)... Os rituais demandaban a intervención de unha (forno, fonte), dúas (cancís, aro de salgueiro, aro de espadanas) ou tres Marías (mesa).

Mediado o século XX, en Meilide (Cerdedo), as tres Marías que participaban asiduamente na cerimonia eran María da Ghosenda, María do Campo e María das Raposeiras (miña nai), que tomou o relevo de María de Xil, cando esta se aveciñou no lugar da Revolta. En Meilide, dende que hai memoria, o ritual elixido era o da mesa do Santísimo. As sacerdotisas pasábanse o neno doente por debaixo da mesa. O tres era o número máxico.

Na revista O Tío Marcos d’A Portela (5-7-1885), o ourensán Benito F. Alonso salienta a potestade milagreira do santuario de san Bieito da Cova do Lobo (Barbadás) e a súa pedra do Tangaraño –cristianización dun oenach pagán– e mais o rol druídico das tres Marías que, tras o rito oficiado na soleira da cova, abandonaban a roupiña do cativo enfermo na fraguiza de ao redor ou anoaban un ramallo de xesta: se a xesta secaba, o neno non tiña cura. Amais, engádese para requinte do triángulo mariano a virtude da madeixa de liño virxe (sen empozar) como litúrxico “mantel”. As Marías tamén debían ser virxes, ou, cando menos, non estar co período.

Aí che vai o enganido; doucho doente e vólvemo vivo.

Aí che vai o tangaraño, déchesmo morto e vólvocho ‘sano’.

Retomemos o fío. A nós tocábanos localizar naquel monte O Biolo ou a Pedra do Biolo; e ben aconsellados por unha confidente oriúnda da aldea de Chamadoira –testemuña de excepción–, dirixímonos ao Castra Seghón. Investimos unha tarde na busca e rebusca do Biolo, xa que boa parte do mostrario granítico se ocultaba baixo unha grosa capa de manto. Axiña empardeceu, e cando pensabamos volver co fardel baleiro, perto do cume, batemos felizmente co escenario dos prodixios.

O Biolo, ou a Pedra do Biolo do Castra Seghón, é un dos moitos bolouros graníticos existentes naquel montecelo. Visto de perfil, é notábel a súa semellanza cun sapoconcho xigante. O bloque principal viría sendo a coiraza. Lañada do bloque principal, mais non desprendida, estrícase a “cabeza” do animal imaxinario. A pedra adxectiva, coma unha pontiña arcada, pousa un extremo nun saínte do bloque principal e o outro nas laxas do soarego. Os axentes naturais abriron un conduto de 1’60 m de lonxitude (parede longa) e 0’90 m (parede curta). A altura do orificio é de 1 m (por debaixo da lumieira) e de 1’60 m por arriba. É necesaria unha roza para poder observar con detemento outros elementos semiocultos pola vexetación.

O altarciño do Biolo ofrecíalle os aldeáns un útero vivificador no que renacer os fillos malatos soñándoos saudábeis e restabelecidos. A fotografía que acompaña o texto aforra descricións prolixas.

Nos Apuntes históricos de la provincia de Pontevedra (1907), Manuel Murguía escribe: Entre las grandes rocas que sirven de asiento a ermitas de tanta fama ... hay algunas piedras horadadas por cuyo hueco, mal que bien, se hace pasar a los encanijados y a los paralíticos, más de una vez a costa de verdaderas desolladuras. Este procedimiento, conocido con el nombre de ‘desentangaraño’, cura de sus achaques a los enfermos, y les devuelve la fuerza o la motilidad que han perdido.

Aqueles tempos ogallá non volvan!, así e todo, Deus dea quen diga as cousas. Na soleira do Aninovo, conto os meus anos por pedras exhumadas do esquecemento: o catálogo do monte do Seixo (Portalén, o Marco do Vento, o Almadraque de Pirocha, as Pedras Quileiras...), o Rinrín, Penaquetanxe, a Pena da Moura, o Outeiro Rachado, a Laxa do Castro, a pedra de Xan Xil, etc.

Parafraséase a célebre opereta e proclámase: “a ciencia avanza que é unha barbaridade”, porén eu gosto de rescatar e divulgar (non de reivindicar) o vademécum dos devanceiros. Malia considerarmos moitos deles remedios inútiles e mesmo prexudiciais, a súa pervivencia na memoria dos decanos con frecuencia nos desvela recunchos da nosa paisaxe dotados dunha singularidade engaioladora. O Castra Seghón e o seu Biolo sono de certo. Por desgraza, nin esas selleiras calidades librarán estes lugares de padexadoras e buldóceres, nin os preservarán do progreso orquestrado por imbéciles e escuros. Somos formigas contra elefantes, mais non empreguemos como desculpa o paraugas do descoñecemento.

Decembro de 2024


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: