Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 120: O Vákner
En outubro de 1485 o bispo armenio Mártir peregrinou a Roma, despois a Compostela e desde aquí a Fisterra. En Galicia pasou 84 días do ano 1492 e de todo o seu periplo que durou máis de seis anos deixou memoria nun breve escrito que sería traducido ao español en 1898 co título Relación de un viaje por Europa con la peregrinación á Santiago de Galicia, verificado á fines del siglo XV por Mártir, obispo de Arzendjan.
Estando nos Montes de Buxantes, Dumbría, «púxenme en camiño e cheguei á extremidade do mundo, á praia da Santa Virxe, a un edificio que foi construído pola propia man do apóstolo san Pablo (sic) e que os francos chaman santa María de Fisterra. Padecín moitos traballos e fatigas nesta viaxe, na cal topei con gran cantidade de bestas moi perigosas». E engade que entre esas malas bestas «encontramos o Vákner, animal grande e moi daniño».
Segundo J. L. Pensado, o Vákner, animal fabuloso, foi creado pola igrexa para desterrar un culto pagán. Aurora Lestón Mayo considérao un dragón como o 'fáfner' citado na Biblia.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 17 de febreiro de 2021.