Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O Carandeo e o volcán do castro de Barán

Miguel Pallares López, entón estudante de Maxisterio, publicou na sección Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza da revista Nós, nº 77, os resultados dunha enquisa realizada na freguesía de San Miguel, concello de Paradela.

Amais de comentar os sucesivos fracasos dos intentos por conseguir tesouros esnaquizando mámoas, comenta que no castro, obra de mouros, que hai entre as parroquias de Vilaragunte e Barán hai unha cova que se pensaba que conducía directamente ao centro do castro, que era, supoñían os paisanos, o lugar onde estaba agachado o tesouro nunha gran arca de ouro.

Xuntáronse varios veciños, comezaron a cavar pola cova pero despois dun tempo sen conseguir nada, abandonaron o intento e fixeron ben.

Segundo a opinión do Carandeo, un cavador de monte, home sabido en varios saberes, quen confirmou que o castro fora feito polos mouros, tamén dixo que no castro había dúas arcas, unha de ouro e outra de alcatrán.

Se chegasen a dar coa de ouro, ben, pero se daban coa de alcatrán, acenderíase e daría vida a un volcán que derrubaría toda Galicia. Así que, concluíu, mellor deixar as cousas como estaban.

Que os volcáns non estoupan porque haxa lume no medio da terra, que segundo el “está morto”, senón por andar remexendo coas arcas de alcatrán.

Carandeo tamén dixo que no castro, dentro pero debaixo da terra, vivía a mourindade e que non saían por iso non se vían. Ou, se saían, tampouco se deixaban ver porque facían pauto co Demo.

El mesmo escoitou alí unha noite unha música que lle pareceu da “mellor banda do mundo”.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: