Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xacios e xacias

Os xacios e as xacias viven nos pozos máis fondos do Miño, en Chouzán, Parleira, Curbaceira, a pé do castro de Marce, en Vilar de Ortelle, concello de Pantón.

Os xacios e as xacias son anfibios con figura humana, e tanto se poden ver na superficie da terra como na auga deses pozos.

Nunha ocasión, un veciño de Marce viu unha xacia moi fermosa na beira do río e ela díxolle que se a bautizaba quedaría desencantada e casaría con el. Bautizouna e casaron.

Os fillos que tiveron eran moi amigos de andar na auga, sempre bañándose no río, tanto que o pai nunha ocasión enfadouse e díxolles: «Ídevos de aquí, fillos dunha xacia! ».

O matrimonio xa nunca foi feliz. Comezaron as rifas entre a parella, de xeito que a xacia, aborrecida, decidiu marchar e volver cos seus antigos conxéneres. Pero estes, en castigo por se ter feito cristiá, desmembrárona e cando o home a foi buscar, atopou só as entrañas da súa muller aboiando nas augas.

Á filla máis nova deste matrimonio, que adoitaba ir co gando ao monte, ía visitala unha xacia ata facérense amigas. Regaláballe grans de millo moreno que se lle volvían onzas de ouro na faldriqueira. No castro había tres reis mouros encantados que tiñan moitas riquezas así que, para que todo seguiseigual só tiña que manter o segredo, condición que non respectou pois contoulle ao pai o que pasaba.

A pobre da rapaza, de nome Sabela, un día que foi co gando ao monte non volveu máis.

O pai, ao ver que a filla non regresaba, botou para o monte en procura dela. Andou arredor do castelo a ver se aparecía, morta ou viva.

Chamaba, berraba e choraba por ela pero a rapaza non aparecía. Cando xa volvía para a casa sen esperanza ningunha de dar con ela, oíu unha voz que dicía:

―Sabeliña, Sabelón,

fritida está en aceitón.

En Marce dise dunha familia que descende daquel matrimonio.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: