Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Desencantamento fracasado
En Vilanova, na parroquia de Friolfe, concello de O Páramo (Lugo) hai un castro que seica tiña un tesouro atado cunhas cadeas.
O crego de Biville tiña un exemplar do libro chamado O Ciprianillo, e ese libro trae un esconxuro que permite liberar o tesouro e facerse con el.
Sete mozos foron xunta o crego para convencelo de que lles axudase a desencantar o tesouro. O crego aadestrounos sobre as ferramentas e todo o que precisaban, díxolles que debían ir confesados e comungados, coa advertencia de que non podían dicir nada mentres el facía o seu traballo.
E para aló foron unha noite de luar. O crego fixo no chan arredor deles un circo con cal.
O crego co libro nunha man e un ramallo de loureiro na outra comezou a bendicir e facer cruces mentres lía en voz alta un texto en latín que estaba no libro. Os mozos quedos e calados, arredor do crego que estaba no medio.
De repente, sentiron un ruído como de cen tronos e lóstregos. Escoitaban renxer carros metálicos, estrondo de disparos, xemidos, laios, gargalladas de xigantes que aparecían e desaparecían. Cheiro a xofre, fungar de ventos por baixo dos seus pés.
Entre as laparadas que os rodeaban apareceron dous longos brazos que os ameazaban. Os brazos medraban a achegábanse perigosamente ao pescozo dos mozos.
O crego tamén colleu medo e dixo: Santa María me axude!
Foi dicilo e comezaron a desaparecer as visións e os estrondos ata quedar só no ambiente unha nube cun cheiro a xofre e xurro. Nada máis.
Cando se puideron ver uns aos outros descubriron que todos tiñan os cabelos brancos como a neve. E aínda outra sopresa: o libro e o ramallo de loureiro arderan e eran cinsa nas mans do crego.
Aqueles homes quedaron para sempre co cabelo branco e nunca, ningún deles, agás o último que morreu, que llo revelou a un neto, dixo o motivo que llelo causara.
Recreación do texto elaborado por Xaime Félix López Arias, publicado en [sarriaacentogalego.blogspot.com].
Recollera a lenda dos seus pais que a escoitaran entre 1931 e 1934.