Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 009: Naceu unha illa

A illa da Creba pertence a Esteiro, Muros, e naceu, segundo V. Risco, por maxia. Quizais fose o lugar onde estiveran as aras sextinas (altares a Augusto tras as vitorias contra os galaicos) e foi refuxio de piratas de toda pelaxe. No s. XVI tiña unha ermida que no XIX xa estaba derruída.

A orixe máxica da illa susténtase na crenza de que alí vivían e tiñan un templo os mouros. Os cristiáns matáronos a todos, agás a filla do xefe que invocou ao seu deus ou ao Demo e este provocou un tsunami tal que afogaron todos, amais de abrirse a canle que separou para sempre a Creba do continente.

A seguir, aquela moura converteuse en serpe e dedicouse a provocar naufraxios e outras calamidades así que os cristiáns, asesorados polo guía espiritual, construíron unha capela dedicada á Nosa Señora. Santo remedio!

Pero todo ten fin. No soar da capela construíse, en honor ao deus da especulación, unha casona privada que aínda hoxe rexe os destinos da illa da Creba.

A imaxe da Virxe da Rocha que se veneraba na capela está a resgardo nunha casa de Esteiro.


SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 11 de setembro de 2020.


Locución audioRocío Romero Otero

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: