Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lendario do Castro da Graña

O Castro de A Graña sitúase nas proximidades da aldea de Mourelos, na parroquia de A Capela no concello de Toques (A Coruña).

Este asentamento foi obxecto de intervencións arqueolóxicas entre os anos 1987 e 1993, levadas a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela e coa colaboración da Universidade de Lodz (Polonia). Sábese grazas ás escavacións que a súa secuencia ocupacional é moi ampla, xa que as orixes se remontan ó século VIII a. C., rematando a ocupación xa nos séculos II-III d. C.

No tocante ó seu folclore compre dicir que a tradición oral referida a este asentamento xa foi recollida amplamente no “Terra de Melide”, editado no ano 1933, tanto nos capítulos titulados “Prehistoria de Melide”, da autoría de Florentino López Cuevillas e tamén no capítulo “Folklore de Melide” de Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez.

Como non queremos mudar o contido dos textos orixinais ímolos transcribir adaptándoos ó galego actual, pero mantendo fielmente o contido orixinal dos mesmos, respectando as expresións e os xiros narrativos.

Respecto ó folclore do Castro da Graña recollido por Cuevillas, reputado prehistoriador e director da Sección de Prehistoria do Seminario de Estudios Galegos, cóntase o seguinte:

Do Castro da Graña parten dúas veas, unha de ouro, que vai parar ó Castro de Paradela, e outra de alquitrán que chega deica o Castro Pedro. A vea de ouro está tan superficial que por riba dela andan os carros, so que non se ve, porque o ouro aquel imítase á pedra. A carón destas veas hai minas que van fondas por baixo da terra, e que non son outra cousa que os camiños que teñen os mouros para comunicarse os dun castro cos doutro”.

Estes mouros desta bisbarra son como en todos lados, ben ricos, e teñen camiños por baixo da terra (Paradela, Graña, Visantoña) polos que, entre outras cousas, levan a beber ós cabalos”.

... Estas trabes van, coma noutros lados, de castro a castro, as dúas ou tres xuntas, senón é no da Graña, en que a de ouro vai dar ó de Paradela, e a de alquitrán ó Pedro. Os castros, pois, están de diversa sorte comunicados: hai entre eles unha relación oculta, unha rede de conexións subterráneas polas que vai unha corrente de misterio”.

Non sempre as trabes se designan como tales: no da Graña son veas, e no de Donide minas. Xa temos indicado outra vez, que hai aquí unha sorte de identificación cos filóns de mineral, ata polo detalle que vai seguir. As trabes son ás veces superficiais coma na Graña, somentes que senón poden coñecer ben, porque o ouro –ó fin ouro máxico dos encantos- imita á pedra”.

O relato recollido por Vicente Risco e Amador Rodríguez sobre o folclore da Graña nada ten que ver co imaxinario dos mouros, senón que se trata dun conto de temática moito máis costumista, sentenciosa e argalleira, propia da tradición oral dos contos da lareira. Este conto leva por título “Adiós mundo que eu aquí me tumbo”, e comeza así:

Había no Castro de A Graña un vello casado e con fillos, chamado Pedro, que debía ser moi escrupuloso. Unha vez estando a comer o caldo, topou nel un guedello de lá; mais coma se nunca tal vira, adoecido, deixou a cunca e tomou camiño para ir a Melide, dicindo que ía á botica. O seu fillo Manuel que iso viu, berroulle para que volvera e dicíalle:

Ai meu pai; vólvase aieu, vólvase, seica vai tolo!

O tío Pedro co apuro que levaba non o oíu ben, e aínda apurou máis o paso dicindo moi lastimeiro:

Ai, ai, que moremos todos!

Volveu o fillo a chamalo, vendo que non lle facía caso, e con máis forza berrou:

Ai meu pai, vólvase, aieu, volva, que era un guedello!

Pero o aviso aínda foi peor, pois o vello entendeuno doutra maneira e contestoulle con outra pregunta:

¿Que xa morreu Pedro? Ai pobriño nunca de min! Que me chega a morte.

Seguía o vello a correr como un desesperado, e o fillo vendo que non paraba, botou tras del chamando:

Ai meu pai, non vaia á botica!

¿Que xa morreu Marica? Ai triste de min o que me espera!

Así respondeu o tío Pedro todo aqueloutrado por tantas desgrazas, e colleu carreira cara á botica. Canto máis corría o pai, máis corría o fillo para poder sacarlle da cabeza a tolería que levaba; berraba e todo se esgañitaba en convencelo dicíndolle:

Volva, meu pai, que era un guedello na culler.

Pero o tío Pedro que ademais de ir adoecido e tolo debía ser medio xordo, pensou que lle contaba outra desgraza e rompeu a chorar dicindo:

¿Que xa morreu a muller?... Ai disgraciado de min, nunca eu nacera! Cantas penas e traballos!

E logo volveuse cara a aldea e botoulle este adiós, empapado en bágoas:

Adiós eira, adiós queixeira;

adiós Castro da Graña, adiós montaña.

adiós mundo, que eu aquí me tumbo!

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Xullo de 2019]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: