Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A lenda da Pena Purreira
Din que a comezos do século XX existía nesta aldea, San Bartolomeu de Ínsua, concello de Vilalba (Lugo), un matrimonio con un fillo e tan pobres que só posuían cinco ovellas que mantiñan na corte.
Un día, o rapaz foi gardar as ovellas como de costume ao monte da Louseira, pasando a carón dunha pena grande que tiña unha cova. De súpeto, do interior da cova saíu unha vella vestida con roupas brancas e unllas moi longas que lle ofreceu algo envolto nun pano branco, advertíndolle que non o abrise ata chegar á casa. O rapaz aceptou o suposto regalo mais cando se viu só abriu o pano e ollou que naquel atadiño só había anacos de carbón. Tirounos pero gardou o pano por mor de non atopar outro mellor.
De volta na casa o mozo contoulles aos seus pais o acontecido e, ante a súa incredulidade, sacou o pano do peto. E vaia sorpresa! Coma por arte de maxia apareceu dentro do pano unha pedra brillante de gran valor, un diamante, semellante en tamaño aos cachos de carbón que tirara.
A sorte permitiulles saír da miseria e a nova correu coma a pólvora pola parroquia pero ninguén se atreveu a entrar endexamais na cova para descubrir o que a pena gardaba.
Hoxe en día a pena e o lugar existen e conservan o nome, mais o que se ve da pena non ten sinal algún de que no seu interior houbese unha cova.
[Texto remitido por Miriam Fernández Otero. Ínsua, Vilalba (Lugo) en xuño de 2018]