Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Fonte do Encanto de Bretoña

Tamén coñecida como Fonte do Tesouro. É pequena, encovada no fondo dun valado, no Coto da Auruxeira, en Bretoña, A Pastoriza (Lugo).

Din que alí habita un Tesouro (tamén chamado Encanto) e que pon medo á xente. Os que van por alí ou levan o gando beber saben que se o ven poden quedar encantados. Seica lava a roupa de noite e pona a enxugar polas silveiras. Ao amencer das mañás máis clariñas recóllea, por iso é doado velo cando anda pola beira do río con outros tesouros.  Se alguén, unha moza un supoñer, vai coller un dos paxelos pendurados, pode subitamente desaparecer.

Tamén se entretén peiteando o cabelo louro cun peite de ouro que brilla ao sol.

Para que non faga mal, ao pasar por alí hai que dicir: “Tesouro da cara moura, dáme a túa riqueza que eu che darei a miña pobreza”.

Outros contan que a visión que se ve nesta fonte ten figura de muller dando de mamar a un meniño e que a carón ten unha ola chea de papas. Para non quedar encantado e poder facerse co ouro hai que cuspir nas papas e dicir unha fórmula (a citada anteriormente). Se así se fai, as papas vólvense ouro e son de quen desfixo o encanto.

[Texto elaborado con informacións de Paco Martín, Luz Galocha e Hugo Rodríguez Pardo, alumno do IES san Rosendo de Mondoñedo, quen nola transmite escoitada de boca a boca da súa avoa, Amanda Gasalla. Setembro de 2017]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: