Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Pena do Freire

A pena atópase no monte coñecido como A Zarra, nas Pardellas, na parroquia de San Martiño de Condes, en Friol (Lugo). Pois ben, na Pena do Freire había unha moura moi rica pero non tiña onde agochar o ouro. Entón pensou que para que ninguén llo roubase o mellor era enterralo na pena. Como era nugallá e non lle gustaba traballar, secuestrou a dous homes para que cavasen na pena. Era moi esixente, por iso lles mandou que o burato fose ben redondo. Cando finalizaron o traballo, a moura agochou o ouro, ordenándolles que o tapasen ben. Mais a cousa non quedou aí. Desconfiando de que lle contaran aos demais onde estaba o tesouro, matounos, enterrándoos lonxe da pena. Pero do que non se decatara é que outras persoas viran onde metera o ouro. Como non podía matar a tanta xente, pois co nugallá que era non lle ía quedar tempo para descansar, gravou dúas cabezas na rocha, como dicindo que alí tamén estaban enterrados os homes, e de achegarse alguén correrían a mesma sorte. En efecto, ninguén ousou achegarse, pero como no inverno os buratos en forma de cabezas se enchían de auga e ela quería que estiveran ben á vista, fíxolles unha canle para que desaugaran e tamén unhas coviñas de adorno.

Na parte alta vense varias pías naturais. O que nos chama a atención é unha coviña e uns sucos que non nos atrevemos a dicir se son naturais ou artificiais. A parte inferior da pena forma un abrigo que, ao parecer, foi utilizado polos fuxidos despois da Guerra Civil. 

Descoñecemos o porqué do nome de Pena do Freire; as persoas consultadas non souberon dicírnolo, mais conxecturo que podería tratarse dun antigo eremitorio. 

[Texto de Xabier Moure Salgado. Novembro de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: