Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Mapa dos tesouros das lendas de Vila de Cruces
O Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces é o resultado de varios meses de traballo colectivo de alumnado, profesorado e veciñas e veciños de Vila de Cruces que reúne aportacións de case 100 persoas. Neste proceso participaron o IES Marco do Camballón e os colexios Nosa Señora da Piedade, CEIP Cerdeiriñas de Piloño e mais o CEIP de Merza. Impulsado polo "Proxecto Palabras de Pedra", do IES Marco do Camballón, o Mapa dos Tesouros naceu como unha idea de Celso Fernández Sanmartin, nunha actividade en colaboración coa Asociación Novo Cruceiro Rock no entorno das Mámoas de Oirós, que propuxo recoller lendas con tesouros no concello cruceño. O resultado é un compendio de case 50 tesouros aparecidos en lendas das diferentes parroquias de Vila de Cruces. O Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces contén textos do escritor de Gres, Xosé Neira Vilas, do escritor Ramón Taboada, do antropólogo Xoan Carlos García Porral e do propio Celso Fernández. Así mesmo, e relacionada coa lenda inédita da espada de Brandomés, o Mapa dos Tesouros tamén publica unha lenda con espada nas augas recollida por Anisia Miranda no Vietnám. A realización do Mapa dos Tesouros de Vila de Cruces tivo como un dos seus obxectivos a valoración da lingua galega como un motor de traballo colectivo ademais de visibilizar a riqueza do patrimonio inmaterial, vinculado ao idioma propio, que posúe a poboación do concello cruceño.
Os Tesouros das Lendas de Vila de Cruces
Añobre
1.Na guerra contra os franceses, cando estaban por Añobre, o seu capitán enterrou na Costa, alá no monte, ao lado dun carballo, un tesouro con miles de moedas de ouro. Xa fai tempo que se buscou mais que se saiba ninguén o atopou. O carballo xa non está, alguén o talou
Arnego
2.Na Fonte dos Mouros había una moza encerrada polos mouros. Os mouros estaban tamén entre esa fonte e o Coto do Castro. Entre eses dous sitios hai tres minas, unha de ouro, outra de alcatrán e outra de volframio.
Asorei
3.No monte do Carrio din que hai perlas. Cóntase que un señor perdeu a carteira con moitos cartos e que a xente foi buscala. Mais a carteira non apareceu e daquela deron cunha pedra branca moi grande. Dixeron que era unha perla e a xente di que alí hai máis.
Bascuas
4.Nunha pista que antigamente era de pedra dicíase que estaba agochada unha viga de ouro.
5.Hai un xugo de ouro que din que trouxeron desde a fonte da Bóutega.
Besexos
6.Entre o Castro de Besexos e Bodaño hai una trabe de ouro.
7.Na Fonte da Bóutega hai un pelexo de boi cheo de ouro.
8.E hai unha grade de ouro máis abaixo da Fonte da Bóutega.
Bodaño
9.Un señor sempre lle dicía ao seu veciño do lado que tiña un hórreo moi grande e cheo de cartos, moitos cartos. Aínda que contan que ao final o hórreo estaba vacío.
10.Están enterradas, todas en círculo e con forma de roda. Din que esas pedras foron enterradas polos celtas cando chegaron á Galiza. Unhas pedras son de ouro e outras, de alcatrán. Hoxe en día ninguén se atreveu a desenterralas. Moita xente di que están no prado do Castro. Hai esperanzas de que as busquen e as atopen.
11.Hai unhas vigas de ouro, de bronce e de prata no Coto da Roda, para os de Bodaño, ou Roda do Castro, para os de Sabrexo.
Brandariz
12-A lenda da espada de Brandomés é unha historia que lle contou a Carina Puga o seu avó José María Puga: “En Brandomés hai no río unha espada metida no río, din que o máis probable é que estea en sitios onde a corrente non estea... como, por exemplo un deses tres sitios é o Pozo dos Peres”.
13.No cabo da agra de Vales hai un castro, e nese castro hai un grande tesouro.
14.Outro tesouro haino indo cara a Millorás, pero din que a ese tesouro xa lle levaron o ouro e que só lle queda cobre
15.Nun pozo chamado Pozo dos Peres dicían que había unha campá de ouro.
16.Contan que nun dos castros de Brandariz unha moza de Añobre atopou una moura que lle pediu una taza de papas. A moza foi por ela mais lambeu os bordes da taza e a moura díxolle: “Por lamber o paparrón non verás o tesourón”.
17.Onde o río hai un lugar que se chama O Tesouro.
Camanzo
18.Dise que debaixo da igrexa de Camanzo hai uns pasadizos que van dar a un río onde hai un tesouro. O tesouro é un anel de ouro escondido nunha caixa no fondo do río.
Carbia
19.No Coto da Madanela, debaixo da fonte, hai tres trabes: unha de ouro, outra de alcatrán e outra de barro. Van desde esa fonte até outra no lugar chamado Os Mosteiros.
20.Dise que hai unha galiña con sete pitos de ouro no alto da Madanela.
As Cruces
21.O Monte das Covas está comunicado por buratos subterráneos co lugar de Covas, en Carbia. Estas covas teñen dous respiros: un en Sabrexo e outro en Fontarcada. Neles dise que hai tesouros. Din que se andas polas covas varios quilómetros podes “ouvir cantar os galos de Carbia”. Tamén se di que estas covas comunican con todas as parroquias de Vila de Cruces.
Cumeiro
22.Debaixo do Castro, en galerías subterráneas, hai fabulosos tesouros.
23.Dise que nas Mámoas de Cumeiro se acharon unhas esporas de ouro, para cabalgar, aínda que talvez se tratase duns torques.
Fontao
24.En Fontao fálase dun grupo de contrabandistas que levaron uns maletíns cheos de pesetas para escondelos e que non regresaron. Din que os maletíns seguen escondidos..
Larazo
25.Nos Croios Brancos hai unha mina de ouro e outra de alcatrán.
Merza
26.Debaixo da igrexa de San Paio, baixando unhas escaleiras, hai unha cova que vai dar á fervenza do Toxa. Alí hai un tesouro.
27.Din que na casa Santalá había moitas cousas de ouro e o dono un día levounas nunha besta non se sabe onde. Estando a morrer, cando os fillos lle preguntaron polo tesouro, sinalou cara a Medelo, onde tiñan outra casa. Foron á casa, revolveron, levantaron as pedras da cociña mais non atoparon nada.
Oirós
28.Entre o castro de Oirós e o da Goleta hai unha trabe de ouro e outra de alcatrán.
29.Din que polo camiño do Camballón, ao pé das mámoas, pode aparecer unha galiña con pitiños de ouro.
30.Din que a un mozo de Oirós se lle apareceu una muller moi fermosa cunha mesa con cousas de ouro. E din que esa muller é unha moura que se converte en serpe.
31.Din que Oirós vén de Ouro porque era e é terra con moitos tesouros.
Ollares
32.No monte ou castro das Catro Cornas hai unha Eira dos Mouros. Mide dez ferrados e o xefe dos mouros tiña alí unha cadeira para sentar, toda feita de pedra. Pode haber un grande tesouro. Tamén se di que hai unha viga de ouro baixo terra. Hai un lugar chamado Souto da Moura.
33.Hai un tesouro na Chouzana de Fontarcada, agochado polos mouros. Hai un de ouro e outro de alcatrán.
34.No monte do lugar de Orza está a Roda do Castro, perto de Bodaño. Nese Castro dise que estiveron os mouros. Hai unha mina de ouro e outra de alcatrán.
35.Na curva da Trincheira, alí na Carqueixa, onde comeza o Sixto, hai moitas penedas esfareladas. Alí hai un grande tesouro. Por iso fenderon as penedas, para tentar apañar o tesouro.
Salgueiros
36.Nos derrames do Pico Mirón, na Croa, dise que hai tesouros.
37.Hai un lugar que se chama o Caio no que hai unha árbore chea de ouro.
38.E tamén hai un lugar que se chama o Tesouro onde os mouros enterraron tesouros.
39.Dise que hai moitos anos a virxe traía na cabeza unhas pedras redondas. Viña de Fontao e pousou as pedras no chan. Dentro deses penouzos pode haber tesouros.
40.No Monte Penedo hai nunha pedra unhas marquiñas que indican que alí está agochado un grande tesouro.
41.Din que na Penagudín, entre unhas pedras que trouxo unha vella ao lombo mentres calcetava, hai un ovo de ouro escondido no interior das pedras.
42.Na Pena da Frisca hai un burato e din que o día de San Xoán, que é o vinte e catro de xuño, sae dalí unha galiña con pitos antes de nacer o sol.
43.No río Arnego, na cola do pantano, hai unha pena grande, e din que alí viviran os mouros e fixeron unha cova de cinco ou seis metros por dous de ancho e dicían que había ouro. Din que os romanos tamén estiveron alí máis tarde e puxeron unhas letras que ninguén as lía, indicando onde estaba o ouro.
......................................................................................................................
Ponte Gundián
44.Na montaña que hai onde a Ponte Gundián dise que había covas cheas de ouro, onde vivían os mouros.
45.Téñen dito que no río Ulla hai unha grade de ouro, no fondo do río metida nun pozo, e que un día subiu á superficie pero volveu baixar case no momento. Téñense visto buzos por alí, pero ninguén a atopou.
Brántega
46.Hai en Brántega a Cova do Tesouro. Dicían que quen entraba non saía. Foron alí con excavadoras e un equipo e dise que non sacaron nada.
Carboeiro
47.Hai un penique de ouro perto do mosteiro de Carboeiro, onde o vello pombal. Se dás con el terás riquezas de por vida.
Sesto
48.No alto do monte, no Salgueiro, en Sesto, había unhas penas onde viñeron os mouros buscando un baúl de ouro. Din que deron con el e o levaron. Non hai moito tempo algún veciño foi cun detector de metáis, por se acaso…
Mapa dos tesouros das lendas de Vila de Cruces
“Temos o deber moral e o deber patriótico de enriquecer o noso patrimonio histórico e cultural. O que herdamos dos nosos antepasados e o que sexamos capaces de crear co aporte de todos. Galicia espera iso de nós. O pobo que non ten unha cultura de seu acaba sendo parasito de culturas alleas”
Xosé Neira Vilas
“O tesouro certo nom é de pedra, nom é de metal, nom é de material feitio. O tesoro es ti... que o procuras”
Ramón Taboada Montoto
“Este Mapa que tes nas maos é fruto dun traballo coletivo. A idea de elaborarmos un Mapa dos Tesouros das Lendas foi de Celso Fernández, nunha excusión ás Mámoas de Oirós. E despois ducias de rapazas e rapaces recolleron estes tesouros que apareceron nas lendas que lles contou a xente que mais ten vivido. Aquí, por falta de espazo, as lendas aparecen resumidas. Os tesouros... temos que imaxinalos.
Alumnado do IES Marco do Camballón e dos coles das Cruces, Piloño e Merza intentaron recoller lendas de todas as parroquias... De todas, como vedes, non foi posíbel.
Palabras de Pedra é un proxecto colectivo, de colaboración entre xente diferente, diversa. Ten como principal obxectivo mellorar as nosas actitudes e valores en relación á nosa lingua e aumentar os seus espazos de uso. De feito, é grazas ao noso idioma que estamos aquí, neste camiño compartido, entre outros moitos camiños. Aquí.
Palabras de Pedra é un proxecto cheo de entusiasmo porque hai moita xente participando nesta aventura que tamén conta contigo. E a súa enerxía nace do convencemento de que se traballamos xuntos, xuntas, podemos cambiar moitas cousas. E ben falta que fai cambiar algunhas!
O noso idioma é unha chave vital para o desenvolvemento social, cultural e económico. E se nós defendemos a nosa lingua, a nosa lingua protéxenos a nós.”
Clube da Lingua / Equipo de Normalización do IES Marco do Camballón
“O que me ofrecen estas breves notas, (nen relatos son), sobre os tesouros á porta da casa, non sabería explicalo, porque se o quixera explicar, igual toleaba por vos saber traducir o seu valor, e non vaia ser que ninguén pense que vos quero convencer do moito que nos valen. Os relatos de tesouros están onda nós, non necesitan convencer, quizais saben esperar. O día menos pensado aparéceseche un, e xa terás un relato fermoso polo que xogarás a túa palabra a que é verdade o que contas
O que máis se me asomella ó que poida ser o relato dun tesouro, poderíao traducir poéticamente nisto: Gardar durante horas as gañas de beber, coller un vaso de auga fresca (enténdese que sen cloro, dunha fonte), tomar un trago sen encher de todo a boca, non a tragar, tela na boca un bocado, finalmente cando arrequeza, botala fóra (nun sitio con herba, terra ou area), e agora si, beber despaciño un vaso de auga fresca para calmar a sede fonda
Non pode ser que Añobre, Duxame, Ferreiros, Fontao, Gres, Loño, Obra, Piloño, Portodemouros, San Tomé de Insua, … non teñan tesouros escondidos latexando debaixo da terra e nas palabras que os contan. Non pode ser. E seremos tan pobres?
Meu avó Manuel, de Bermés, viu no Carrio, unha galiña de ouro cunha rolada de pitos de ouro, e meu avó non era de moito falar, e sempre foi unha persona de suma confianza, moi coidadoso
Viva este traballo voso de coidados intensivos!
Atentamente, Celso Fernández Sanmartín”
“Os tesouros, e todo o que os rodea, están totalmente mitificados. O ser humano, aínda que é libre, vese dominado por un certo determinismo mitolóxico que o arreda de conseguir o fin pretendido: facerse rico sen ter que traballar. Os tesouros ocultos, subministradores de equilibrio moral, teñen uns primeiros defensores contra a avaricia do home: os seres mitolóxicos (mouros, mouras, encantos...) como gardiáns de tesouros.”
Xoán Carlos García Porral e Antonio Presas, O mundo dos castros. A comarca do Deza. Faro de Vigo, 2014.
“Nas ribeiras do Lago da Espada Restituída ficamos até ben tarde. Aquí To Hoai recréase. Sabe o nome de cada herba, de cada flor, de cada árbore, os lugares do país desde onde foron traídos... Conta logo a lenda do lago: a dun guerreiro da época feudal que paseaba na súa barca por el, mentres pensaba en cal sería a mellor forma de vencer os enimigos que querían apoderarse do país. Daquela aparecéuselle unha tartaruga enorme, sobre cuxo lombo brillaba unha fermosa espada: tomouna nas súas mans e a tartaruga desapareceu nas augas. Con aquela espada o guerreiro arengou ás súas tropas, foi ao combate e venceu o enimigo.
Outro día, día de paz, o guerreiro volveu a pasear na súa barca polo lago, esta vez para descansar, cando outra volta se lle apareceu a mesma tartaruga, que seguiu xunto á barca moito tempo. Era evidente que o que desexaba era que lle devolvesen a espada; así o fixo o guerreiro e a tartaruga desapareceu para sempre. Baixo as augas do lago permanecerá a espada libertadora, disposta a vencer a quen queira intentar invadir a patria..."
Anisia Miranda, Treinta días en Vietnam, Editorial Letras Cubanas, 1981
Persoas que informaron sobre as lendas e xente que as recolleu:
Eduardo González Palmou, Jafét Taboada González, Pepe Frade Vázquez, Lucindo Verde López, Celsa Santos Lareu, Carlos Mella Palalares, Manuel Vilela Couto, Ramón Pulleiro Penas, María Camino González, Manuel Montoto Fernández, Antonio Taboada Gómez, Carmen Porto Castileiras, Manuel Penas Méndez, José Varela, José Rivas Vieitez, Andrés Seijo, María Chacón, Manuel Soto García, José Ramón Rodríguez, Julia de la Fuente Muñoz, Fernando Barcala Vilela, Manuel Penas Méndez, Luísa Espiño, Manuel González Gonzñalez, Ramón Taboada.
Marcos Barcala Méndez, Uxía Fontán García, Tamara Puga Méndez, José Antonio Rodríguez Gomes, Ana Salgado Cea, Brais Salgado Cea, Inmaculada Soto Parcero, Alba Areán Penas.
Alberto Alonso Seijo Uxía Blanco Iglesias, Víctor Castro Taboada, Paula Gago Verde, Francisco Galego Sánchez, Brais García Soto, Jesús Antonio Gonçalves, Ana González Orza, Eloy Iglesias García, Brais Iglesias Montoto, Alberto Mejuto Sesto, Fernando Mosteiro del Pilar, Julieta Itati Penas Noce, Carina Puga Méndez, Rubén Salvado Sánchez, Xerardo Varela Pérez.
Silvia Arteaga López, Álvaro Castro Cambeiro, Brais Esperante Méndez, David Gómez Santiso, Marcos González Lamas, Juan Iglesias Taboada, Irene Iglesias Villanueva, Carlos Mella Más, Tania Plaza Garcúa, Sandra Quinteiro Santos, Tania Ríos López, Diego Rodríguez Taboada, Marcos Torres Torres, Xosé Mario Verde Vilela, Marina Vilela Brea.
Un mapa fantástico elaborado polo Clube da Lingua / Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Educación Plástica do IES Marco do Camballón.
Coa colaboración do Colexio Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces, o CEIP Cerdeiriñas, de Piloño, e o CEIP de Merza.
Agradecementos: Celso Fernández Sanmartín, Xosé Neira Vilas, Vítor Garcia Pinheiro, Xoán Carlos García Porral, Manolo Gago, Bea Comendador, Marcial Tenreiro, Antonio Reigosa, Denís Fernández Cabrera, Salvador Bará, Xosé Carlos Sierra, Iago Santalices, Gallaecia in Armis – Sala Compostelá de Esgrima Antiga, Manolo Maseda e o alumnado do IES Maximino Romero de Zas, Gamy, alumnado e profesorado do Ciclo de Soldadura do Camballón, Museo Provincial de Pontevedra, David Rubín, Judinha de Lea, Julio Cacheda, Trond Lodoen, Felipe Criado, César González, Asociación Novo Cruceiro Rock, AA.VV de Oirós, AA.VV. de Brandaríz, Club de Lectura - Biblioteca do Marco do Camballón, Ramón Taboada, Don Pepe – Xosé Asorei.
Palabras de Pedra, IES Marco do Camballón, Vila de Cruces, 2014
(JPG) Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces (anverso)(JPG) Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces (reverso)