Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Reñubeiros, troneiros e regulares: Señores do raio (Nicolás Bartolomé Pérez)

© Nicolás Bartolomé Pérez
Artigo publicado anteriormente en castelán no “Diario de León” (28/09/2014), revista dominical La Llariega.
__________
O reñubeiru é un xenio mitolóxico que controla as nubes e provoca as tormentas. A nosa tradición presenta a este ser con diferentes aspectos e un carácter ambivalente, ás veces é malvado aínda que pode mostrase agradecido.
__________
En numerosas mitoloxías da Antigüidade atopamos poderosas deidades celestes como o Zeus grego, o Xúpiter romano, o x ermano Thor ou o Taranis celta, que se manifestaban como deuses da tormenta. Nos folklores europeos e hispánicos tamén existen seres lendarios con capacidade para dirixir tormentas como é o caso do reñubeiru leonés, ente que recibe diversos nomes nas comarcas leonesas: renubeiru, renobero, troneiro ou regular, entre outros.
A percepción dos reñubeiros como un numen sen aparencia concreta é quizais a crenza máis estendida sobre este mito en León, aínda que ás veces atopámonos con identificacións moi singulares destes seres que en ocasións son presentados como «os diaños que amasan a pedra», isto é, que fabrican a sarabia para descargala na primavera e verán sobre os campos, pero que se poden conxurar con certos rituais como tocar as campás, recitar conxuros ou rezar. Este aspecto tan primario do reñubeiru talvez sexa o máis antigo polo que é posible aventurar que neste personaxe perviven trazas de vellas deidades vinculadas aos meteoros máis danosos; posteriormente a influencia do cristianismo relacionou este mito co diaño polo que a maioría de rituais para exorcizalo son de influencia cristiá.
Santiago Alonso Garrote deunos en 1909 unyha das primeiras descricións que temos en León dos reñubeiros indicando que son «como uns bruxos ou personaxes fantásticos que as xentes sinxelas pretenden ver caer das nubes, e toma forma humana en tempo de tormentas; a súa misión unha vez tomada esta forma é facer mal de ollo e levar as calamidades ás persoas e sementeiras».

Magos e tempestades
Resulta moi interesante esta caracterización do reñubeiru como un bruxo que cae das nubes, dato corroborado en numerosas narracións populares leonesas como unha de Velilla de la Reina que conta que unha gran tormenta fixo que un labrador subise ao campanario da igrexa para tocar as campás co fin de afastala, o que provocou que caese do ceo un «riñovero» moi pequeno que volveu subir á nube cun novo raio. En Ancares un «renubeiro» ao que deron pousada nunha casa preguntaba todos os días polo tempo que facía e como tiñan sol non podía marchar, ata que empezou a chover indicando que para el iso era bo tempo o que permitiu que marchase cara ás nubes. Noutras lendas é de xeito máis explícito un mago que alcanza esa condición estudando artes máxicas, moitas veces nun seminario. A denominación do mito como «regular», propia da comarca zamorana de Sanabria, alude a esta crenza. En Avedillo, segundo mos conta o padre César Morán, un cura que estaba conxurando unha tormenta invocando a Deus para evitar que descargase e danase a persoas, viu como caía ao seu lado un home ao que recoñeceu porque estudaran xuntos no seminario, pero do que foi expulsado pola súa mala conduta; o cura preguntoulle que estaba facendo e o «regular» contestou que dispoñendo a tormenta. O nome de regular é unha forma evolucionada ou deturpada de «escolar», é dicir, de estudante de maxia negra. En todo o occidente peninsular, era tradición que esas artes se ensinaban na Cova de Salamanca que estaba nos sotos da desaparecida igrexa de San Ciprián desa cidade. Unha referencia moi antiga a este mito atopámola en terras salmantinas nunha obra de Lucas Fernández (Égloga ou Farsa del Nacimiento, do século XVI): Mas quiçiás qu’es l’escolar / que echó el nubrado y pedrisco / antaño en nuestro llugar.
O historiador e etnógrafo Juan Uría Ríu, en relación cunha noticia medieval sobre unha muller que confesou que chegara a Oviedo sobre unha nube que descargou sobre a cidade unha granizada, provocou sospeitar se a orixe do mito do reñubeiru non estaría na modificación da noción do bruxo ou encantador de tempestades, que outrora para a xente tiñan a capacidade máxica de meterse nas nubes para gobernalas. Os datos leoneses sobre o mito do reñubeiru apuntan a que nesta figura se mesturan tradicións diferentes, por unha banda a do xenio que domina a tormenta e os raios, e, por outra, a do mago que aprendeu a controlar a tormenta con artes escuras e que nos remite aos antigos feiticeiros «tempestarios» da Idade Media.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Abundando sobre el tema: http://www.ileon.com/cultura/082829/renubeiru-el-duendecillo-leones-de-las-nubes-y-de-las-tormentas

Enviado por Meteo Bedunia o 17/02/2018 ás 4:53:12


Enviar comentario a este artigo: