Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A verdadeira historia de María Castaña

Hai, cando menos, tres mulleres distintas chamadas María Castaña: a real, a de Lugo; a probable mitificación deste personaxe; e a terceira, a mítica que se lembra ao comezo dos contos cando se di “Aló, nos tempos de María Castaña”.

A María Castaña de carné e óso

Nunha carta de doazón datada o 18 de xullo de 1386 dáse conta da cesión á catedral de Lugo dos bens que posúen no couto de Cereixa, freguesía de San Pedro de Cereixa, concello de Pobra do Brollón (Lugo), unha tal María Castanna, muller que foi de Martín Çego, e os seus fillos, Gonçalvo Çego e Afonso Çego “por cuanto fomos en ferir a Françisco Fernandes, moordomo do señor obispo de Lugo, de feridas de que veo morte”. É todo canto sabemos por vía documental desta muller.

A María Castaña real mitificada

O resto son suposicións ou invencións que coñecemos a través da tradición oral e por vía impresa. Destas suposicións forma parte afirmar que encabezou unha revolta de indignados contra os abusos dos recadadores do bispo de Lugo, frei Pedro López de Aguiar, e que na actual Praza Maior da cidade de Lugo encheu o mandil de pedras e animou a outros ao berro “A eles, que son poucos”. Como consecuencia, alguén (dise que o mordomo do bispo) quedou ferido para acabar morrendo. Logo sería detida e condenada a morte, sendo liberada da pena capital, previo arrepentimento, polo favor do rei, pero obrigada a doar todos os seus bens e os da súa familia ao señor bispo de Lugo.

A María Castaña mítica

A María Castaña, Mari-Castaña, Maricastaña dos “tempos de María Castaña” é outro personaxe diferente e moito máis antigo pero que que se evoca na literatura posterior ao s. XIV, aínda que sen facer referencia a Lugo. Por exemplo: Francés de Zúñiga, xastre e bufón, autor dunha crónica satírico-burlesa do rei Carlos V datada en 1525 di “porque si en el reyno no obiese alguna rebuelta pudiésemos faboresçer al arçobispo de Sebilla, Ynquisidor Mayor, y a la fe católica, porque ya no era tiempo de Maricastaña, quando se pasaba la mar en enjuto". Noutros textos, en cambio, como en Cancionerillos de Munich, 1589-1602, cítase así: "En tiempo del Rey Thereso residia en Badajoz, y quando Maricastaña alla en Castilla reynò” Curioso texto, por certo, pois refunde dúas fórmulas de inicio dos contos presentes no romanceiro castelán do século XVII: “En tiempos del rey Thereso” e “Cuando Maricastaña allá en Castilla reinó”. María Castaña era tamén o nome dunha narradora ou contadora da corte do rei Carlos II (1630-1685) que morrería, probablemente, nunha peregrinaxe a Santiago. Pero xa moito antes, no s. XIII, parece que existía unha canción de xograría que dicía “María Castaña toca castañolas”

Pero aínda hai máis

Os autores (Xosé Miranda, Xoán R. Cuba e eu mesmo) do “Dicionario dos seres míticos galegos” ao darnos conta de que o nome e apelido desta muller vén sendo unha tradución exacta de Auburn Mary “María Castaña”, muller protagonista do conto “The Battle of the Birds“ (A batalla dos paxaros/aves), recollido en Escocia e publicado por primeira vez por John Francis Campbell en 1860, cremos que esta pode ser a máis antiga “biografía” deste personaxe lendario. Tirando deste fío, no Diccionario dos seres míticos galegos chegamos á conclusión seguinte: “Auburn lembra moito o noso ebúrneo, de ebur, «marfín». E efectivamente, auburm, no vello inglés, foi primeiro branco, despois castaño. María Castaña foi antes María Branca. E agora aclárase o enigma. O relato da batalla dos paxaros é idéntico ó noso de Brancaflor, a filla do demo, en tódolos seus detalles. María Castaña é a mesma Brancaflor. Pero o demo é un pai putativo, en realidade: é de antonte. María Castaña é moito máis vella có seu pai. É «dos tempos de María Castaña». Naturalmente, pois o relato coincide punto a punto co de Xasón e Medea. Medea, a terrible maga, neta do Sol, á que Xasón foi buscar ó mesmo inferno, ó cabo do mundo. Así pois Medea= María Castaña= Brancaflor. Pero o relato existe entre os xermanos («A Doncela Autoritaria»), entre os indios, entre os eslavos, entre os arios, entre os malgaxes, entre os indonesios e os polinesios. María Castaña, Brancaflor, é o máis antigo dos personaxes deste libro. ¿E por que é branca, ou castaña? Porque antes foi a deusa da morte, dos mortos, dos infernos, Hella (filla de Loki), Ana (os anaon son os mortos en Bretaña), Perséfone, Diana, a Deusa Mai, a Deusa Triple, a Deusa Branca, na súa personalidade infernal. Os tempos de María Castaña son os tempos do matriarcado primordial”.

© Antonio Reigosa

__________

Ilustración de Lázaro Enríquez para o Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais, Vigo, 1999, da autoría de X. Miranda, Xoán R. Cuba e A. Reigosa.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: