Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Dous persoeiros lendarios de A Ermida (Quiroga-Lugo): o Meco e as Pampónigas
Trátase de personaxes antigos desta comunidade, dos que non é posible determinar a súa orixe. Ambos participan na procesión que na honra da Virxe dos Remedios ten lugar en A Ermida, concello de Quiroga (Lugo), cada 8 de setembro.
O Meco
O Meco estivo ligado dende sempre a “Casa de Eliseo González” do S. Vitorio (A Ermida), hoxe “Casa da Tensa”. Respecto á súa vestimenta vai provisto dunha careta de madeira na que se reflicten trazos demoníacos. Na cabeza, leva un sombreiro de cor vermello, que se prolonga ata as costas, formando unha especie de “molida” (cabezal). Tanto o xersei coma o pantalón son tamén de cor vermella mentres que o pantalón leva unhas franxas laterais de cor branca, con pequenos resaltes tamén de cor vermella. No ano 1984, José González Rodríguez, nacido en A Ermida e vinculado coa “Casa da Tensa”, construíu unha nova careta para o Meco, xa que a antiga estaba moi deteriorada; ademais, tamén realizou unha careta pequena para o seu fillo, que tiña daquela oito anos. Isto motivou que no ano 1984, previo permiso do párroco, saísen por primeira vez na procesión dous mecos, práctica que continuou ata o ano 1992. Dende o ano 1993, fai de Meco, Juan González, de 35 anos. O seu avó, Eliseo González, aínda é moi recordado na parroquia, xa que era un gran brincadeiro e ademais facía que lle limpaba os zapatos cun pano aos que lle daban cartos.
O Meco para anunciar a súa presenza leva na man dereita unhas castañolas que repiniquean mentres na esquerda trae “unha vasoira de toxos” coa que vai afastando a xente do camiño para que poida pasar o cortexo procesional. Cando a procesión retorna á igrexa, celébrase a misa solemne. Mentres tanto este persoeiro fica no adro da igrexa onde se leva a cabo un ritual profano consistente en que algúns fregueses, tanto da parroquia como de fóra, bótanlle moedas ao chan. No intre en que o Meco se dobra para recollelas, algunhas persoas, homes xeralmente, danlle labazadas na molida (cabezal), mentres el tenta defenderse coa “vasoira ou fachuzo de toxos”. As labazadas que recibe o Meco na súa molida é a interpretación simbólica de que este personaxe representa o ilícito e deshonesto; de aí que sexa obxecto de burlas e desprezos.
Antano, este persoeiro recibía os nomes de “Felo” e “Gracioso”. Pola tarefa que levaba a cabo dábanlle unha pequena remuneración en metálico, procedente da esmola que se recadaba na festividade mariana. Así, temos noticias polo arquivo diocesano, que, no ano 1882, “o Felo e un Xigante” recibiron oito reais polo seu labor.
As Pampónigas
As Pampónigas son dous xigantes que simbolizan a un home e a unha muller. As súas cabezas son de madeira e o seu armazón, antano de madeira, é de aluminio. A Pampóniga que representa a unha muller, vai vestida cun sombreiro e traxe vermello; pola contra, a que simboliza a un home, vai ataviada cun sombreiro e traxe azul. Estes personaxes van na procesión, logo do Meco, danzando unha peza tradicional da comunidade. Polo tanto, os seus portadores, normalmente fregueses da comunidade parroquial, teñen que ter moita destreza, experiencia e resistencia física, xa que a altura destes xigantes é considerable. No intre en que a procesión retorna ao santuario, as Pámponigas sitúanse en ambolosdous flancos da porta de entrada ao recinto sacro e inclinan a cabeza no momento no que pasa a advocación mariana dos Remedios.
Estes personaxes son moi similares aos “Cocos” de Lourenzá e Ribadeo. No ano 2013, fixeron de Pampónigas, como en anos anteriores, Sergio e o seu fillo Antonio, veciños de San Vitorio, lugar cercano ao santuario. Antano os seus portadores tamén recibían un estipendio pola súa participación na procesión. Así, no ano 1887, temos noticias que “un Gracioso e as Pampónigas” cobraron doce reais polo seu labor.
Por outra banda, en Castro Caldelas -na ribeira ourensán do Sil- celébrase a festividade da Virxe dos Remedios os mesmos días que na Ermida. Entrámbalas dúas, hai importantes semellanzas tanto no ámbito relixioso como profano.. No profano, hai un personaxe antigo, como na Ermida, que recibe o nome de “Irrio peliqueiro”. Amosa unha carauta de pau pintada e dedícase a correr tras dos rapaces con unha pelica atada a un pau.
No intre actual, estes seres fantásticos e diabólicos que simbolizan a submisión do profano perante o relixioso, aínda adoitan ir nalgunhas procesións do Corpus.
©José Manuel Blanco Prado (texto e fotografías)