Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Os Renubeiros
Xosé Benito Reza, no seu Vivir en Ancares (2002), recolle unha conversa cunha velliña dalgún lugar do municipio de Cervantes (Lugo). Contoulle a muller que en tempos vivíase con moito medo á sarabia, á neve, ás treboadas, ao lobo... e ao demo. Co demo viñan os "renubeiros", e con eles os tronos, os lóstregos e os incendios que asolaban aldeas enteiras. Sucesos que nada tiñan que ver cos fenómenos naturais senón cunha maldición. Por iso se rezaba a Santa Bárbara "que no ceo estás inscrita, garda pan e garda viño, para os pobres do camiño". Tamén se rezaba a San Xosé, ao Santo Antonio, ao Santo Anxo da Garda e á Virxe Negra de Vilarello, sobre todo cando os paxaros da noite e as cobras se achegaban ás casas. Continúa a muller dicindo que antes colocábanse cruces nos cumes dos montes e nas entradas dos vales para afastar ao "renubeiro". Colgábanse xestas nas portas das pallozas cando ía tormenta, e polas aldeas plantábanse sabugueiros, tamén nos cemiterios e nas casas abandonadas que é por onde máis anda o maligno. Para alonxar ao demo ían ver ás "saludadoras" para que fixeran o esconxuro, ou mandábase un tizón por riba da palloza o día do nacemento de Cristo.
[Texto de Xabier Moure Salgado. Decembro de 2011]