Seres míticos
O Trasno
O trasno ou trasgo é unha especie de demo invisible, coñecido tamén como diaño pero distintio ao demo, e nunca tan maligno. Acostuma a andar de noite polos bosques e camiños de Galiza que é cando pon en práctica as trasnadas argalladas polo día. Existe un truco para librarse del que consiste en deixarlle unha boa presa de grans de millo; como non sabe contar máis de cen, cando chega a esta cifra ten que encomezar de novo, e así mantense ocupado.
Isolina e Segundo, un matrimonio de Coro, parroquia de Rao (Navia de Suarna) que agora viven en Becerreá, contáronme que unha súa cuñada saíu ao anoitecer en busca dunha vaca que se lle perdera. A muller, como non pode ser doutro xeito, encomezou a chamar á vaca polo seu nome: "Marela, Marela". Cal foi a súa sorpresa cando ao pouco escoitou: "aí vou, aí vou". Outra persoa que xa entrada a noite regresaba a Coro dende Rao, escoitou ao lonxe: "ara, boi, ara, ara, boi, ara". En ambos os dous casos, aseguran, foi o trasno para amedoñalos.
[Texto de Xabier Moure Salgado. Setembro de 2011]