Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Monte da Siradella

O Monte da Siradella, ou Cidadela, tamén coñecido como Castelo dos Mouros, está no concello do Grove (Pontevedra).
Neste lugar houbo unha cidade de humanos con tres castelos pero viñeron os mouros e botáronos. O rei daquela cidade era moi ambicioso, e quería conquistar todo canto había arredor pero Deus castigouno destruíndo a súa cidade, da que só queda na memoria un pozo: o pozo da Siradella.
Tamén se conta que a destrucción foi consecuencia duns amores entre unha moura da Siradella e un mouro da illa de Ons. E, polo visto, estes amores, de consumarse, signficarían a desaparición dos mouros do mundo. Os pais da moura non o dubidaron, minaron a cidade da Siradella e arrombaron con todo, incluida a filla.

O POZO DOS ENCANTOS
O pozo é cadrado e está revestido de pedra polo interior. Unha vez un home tirou unha pedra nel e saíu fume. Logo aparecéuselle unha muller que lle dixo que alí vivían encantados un príncipe e dúas princesas, e que os podía desencantar se tiraba ao pozo tres barras enteiras de pan.
Aos catro días volveu o home coas tres barras de pan pero no camiño deulle a fame e comeulle un cacho a unha das barras. Cando chegou cabo do pozo tirou unha barra nel e ao tocar fondo convertíuse nunha princesa que desapareceu de contado. Tirou a segunda barra e convertiuse no príncipe que tamén desapareceu. Cando tirou a terceira das barras,a que lle faltaba o bocado que comera saíu un monstro con figura humana pero sen rostro. O monstro deulle ao home un cinto e desapareceu. De regreso para a casa, o home sentou a descansar e botou o cinto arredor dunha árbore; mais árbore e cinto desapareceron.
No Monte da Siradella dise que hai tres minas, unha de ouro, outra de lume e outra de peste. E tamén hai puñais de ouro cravados no chan.

A FIGUEIRA DO MECO
Cando miña nai (que naceu en 1922) era pequena, no verán ía aos domingos á Siradella con outras rapaciñas, ela levaba unha pocha, outras levaban ovellas, e outras simplemente ían pasar o día, pero daquela non lle chamaban Siradella, senón "O Castriño" (de feito, nunha das abas do monte hai restos dun castro).
Outra das cousas a destacar da Siradella é que dun con que hai nun dos tres picoutos, sae unha figueira, que se lle chama "a figueira do Meco". Segundo a lenda, foi nesa figueira onde penduraron ao Meco (un señor feudal que facía uso do "dereito de pernada" e que foi morto polo pobo; para quen non a coñeza, é unha historia parecida á de Fuenteovejuna).
[Texto achegado por Daniel Ameixeiro]

Na aba deste castro que hai na Siradella permanece a figueira do Meco, esa que viu o P.Sarmiento e da que aclarou que producía figos vermellos, pero non era polo sangue do Meco, como opinaban os veciños, senón pola influencia do vento mariño. Ese testemuño do P. Sarmiento aparece no seu opúsculo sobre o Meco Moro Agudo e a Cruz de Ferro.
Esa figueira foi declarada por decreto da Xunta de Galicia como "árbore senlleira", pero nin está siquera sinalada nin protexida de ningún xeito.

Hai máis lendas da Siradella. Por exemplo a dunha "mina" que unía a Siradella coa Lanzada e que servía ós habitantes do castro (castelo como se di nesta referencia de Galicia Encantada) para fuxir dos asaltos. Históricamente ese castro tivo que ter unha historia impresionante pola súa situación ...
Hai outros dous castros coñecidos no Grove: Cantodorxo e O Castriño e outros probables e hai tamén un lugar denominado As Modias no que se supón que quedan unhas mámoas, pero que están sin investigar.
[Texto achegado por Xosé Avelino Ochoa Gondar]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: