Actualizado en data 16/07/2019

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A herba da marabilla do Castelo do Picato

O Castelo do Picato é unha penedía maxestosa que está na parroquia de San Lourenzo de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei (Lugo). Desde o curuto, pódese agatuñar ata o bico por uns chanzos irregulares escavados na pena, vese a Terra Chá coma unha alfombra de herba mol a piques de levitar.
Debaixo deste castelo de pedra hai un pazo onde viven mouros e mouras aínda que agora, por mor das silvas e das hedras que alí medran, non se atina ben coa porta de entrada.
En certa ocasión a unha veciña da aldea máis achegada desaparecelle un porco e foi tras del ata o Castelo do Picato. Chamou e por entre os penedos víu saír o rancho e unha vella. O animal engordara, víase que fora ben tratado, e a vella, unha moura principal, preguntoulle polo prezo. A muller, sabedora de que os mouros soen ser xenerosos, díxolle que lle dese a vontade¬.
¬―Pois toma esta mantela pero non a abras ata que chegues á casa.
A muller non fixo caso. Cando ía polo camiño desanoou a mantela e só víu unha presada de carbóns que baleirou no chan. Cando chegou á casa, mentres lle contaba ao marido a burla da vella moura, sacudiu de novo e caeron ao chan dúas pedriñas de ouro. Só dúas; as outras xa se esvaeran para sempre.
No comezo da primavera de 1998, cando andabamos coa preparación do Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999), visitamos o Castelo do Picato. Un rapaz duns vinte anos, da casa propietaria daquelas fincas, revelounos unha historia fabulosa. Alí, e só alí, nos arredores dos penedos medra unha herba que dá tres espigas: centeo, millo e trigo. A planta marabillosa coa que os mouros e as mouras poden manter tan ben mantidos os porcos da veciñanza. Mágoa que non fose sazón para vela.

Referencia
Jesús Rodríguez López, en Gallegadas con alegrías de la tierra en verso y en prosa (Madrid, 1908) recrea con detalle a lenda da vella e o porco, e, ao tempo, amosa un aquel de desprezo pola inxenuidade da xente que acredita nestas historias.
_____
[Ilustración de Noemí López]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: