Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Algunhas lendas de A Lama
Hai ocasións en que as lendas presentan unha lección moral sospeitosamente acorde cos intereses da doutrina cristiá. Nestes casos un non sabe ben se realmente xorden ao abeiro da imaxinación supersticiosa das nosas xentes ou se o fan conforme a intereses (non sempre de orde espiritual) dos propios cregos. Quizais se trate de lendas nacidas no cerne do pobo, que despois son aproveitadas polo clero e encarreiradas no seu proveito material. Coido que dentro desta tipoloxía poderíanse encadrarse unhas historias difundidas na Lama (Pontevedra), que paso a narrar a continuación.
O demo de Escuadra
Na parroquia de San Lourenzo de Escuadra, concello da Lama (Pontevedra) cóntase, desde tempo inmemorial, unha lenda sobre un veciño, considerado un mal cristián, que roubaba, non ía á igrexa nin daba misas polos mortos da súa familia. Un día, andando por un camiño, topou unha especie de rabo longuísimo, e foino seguindo con curiosidade para ver de que animal se trataba. Cando chegou ao final topouse con que era un demo con forma semellante á dun dragón.
O canteiro Celestino Garrido
Aló polo solpor do s. XIX un célebre canteiro e escultor da propia parroquia, Celestino Garrido, decidiu inmortalizar o episodio e construíu no propio lugar onde se conta que se produciu esta aparición satánica unha curiosa imaxe que reproduce en pedra a figura deste fabuloso monstro. Trátase realmente dun cuadrante, ou reloxo de sol, que aparece portado por un demo con rabo que ten unha águia pousada sobre a súa cabeza. O curioso cuadrante está emprazado na propia casa do canteiro. Estas terras, hoxe nun grao moi avanzado de retroceso e avellentamento demográfico, posúen no entanto unha grande riqueza no que atinxe á etnografía, especialmente lendas e arquitectura popular. Son moitas as obras que se conservan que son testemuña dos magníficos canteiros doutros tempos.
A fonte da Coca
Ademais duns ben labrados leóns que adornan a entrada dunha das vivendas, obra tamén de Celestino Garrido, achamos unha fermosa capela, varios petos de ánimas e algunhas fontes. De feito nas inmediacións deste lugar hai unha fonte que lle chaman a fonte da Coca (nome que nos recorda o monstro mitolóxico de Redondela, e probabelmente relacionado co mencionado demo de Escuadra). A xente atribúelle cualidades máxicas á auga que agroma deste manancial. Disque por máis secos que viñeran os veráns esta fonte non secou nunca.
A casa encantada
A uns 50 metros da fonte hai unha casa na que, segundo contan, vivía noutros tempos unha parella alemá. Cando morreu a dona, o seu home negouse a pagar ningunha misa pola salvación da súa alma, a pesar de que ela mesma lle tiña encomendado esta angueira. Disque despois ouvía arrepiantes berros pola noites que non lle deixaban pegar ollo. Chamou entón a un exorcista. Este díxolle que para deixar de sentir as voces tiña que dar unha misa pola finada. Cumpriu o mandato e desde aquela non voltou escoitar os desacougantes laios que seica non parecían deste mundo.
[Texto remitido por Marcos Seixo Pastor, de S. Lourenzo de Escuadra, A Lama (Pontevedra), en agosto de 2009]