Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A serpe e outros misterios do castro do Torrillón
Ilustración de X. Manuel Segade Rivas
No castro do Torrillón, en Xove (Lugo) vivía unha serpe con sete cabezas que engulía a todo canto animal ou persoa se achegase a ela.
Un día xuntáronse moitos homes e foron na busca da serpe. Atopárona no Piago, un pozo fondo e escuro baixo o castro do Torrillón. Vírona, e viunos ela a eles, e xa os atacaba coas súas sete bocas cando a casualidade quixo que pasase por alí un home cunha grade. Aquel home lanzoulle a grade á serpe e atinoulle. E alí morreu, chantada nos dentes de ferro da grade.
Nos Poleiros, nun lugar situado debaixo do castro do Torrillón, había un home que tiña un libro que daba relación dos tesouros gardados por ovellas e cabras no castro, e ata descifraba as claves para entender as marcas que hai nas pedras. Pero este libro tiña un capítulo terrible que contiña os nomes e as datas de nacemento e morte das persoas.
Dise que o dono do libro leu nel a data da súa propia morte e que tirou o libro no lume. E tamén é certo que nos Poleiros xa non vive ninguén.
BIBLIOGRAFÍA