Seres míticos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Xan das Congostras
Bandoleiro mítico do que se asegura que estivo activo polo século XVI e seguintes, mesmo ata no século XIX. Para algúns era galego, nacería en Pereira, O Entrimo (Ourense), e para outros portugués. Tralos seus roubos soía irse agachar á Pena de Anamán que está nos lindes de Galicia, na Serra do Leboreiro, pero en terreo portugués. As súas víctimas eran sobre todo os cregos e gustaba de cortarlles as orellas. Tamén se di que el e a súa banda foron reducidos nun lugar chamado A Picada.
Xan das Congostras e os seus compinches regresaban de roubar a rectoral de Terrachán. Os gardas esperábanos en Ferreiros tras dunha lata (entramado sobre o que se estenden as parras) e cando pasou Xan das Congostras e a súa cuadrilla por alí derrubaron a lata enriba deles e apresáronos a todos.
Na Pena de Anamán quedou memoria deste bandoleiro. Refírese unha lenda escrita sobre ela para que a lesen os camiñantes que por alí pasaban e que dicía:
Os pobres non o ten
e os ricos non o dan;
quen quixer asentar praza
veña á Pena de Anamán.
Algúns engádenlle dous versos máis que serían:
con dous pesos diarios
e un trabuco na man.
Próxima á Pena de Anamán hai unha capela dedicada a Santa Ana, e un dito:
Eu hei de subir ó ceo
por unha cinta de la;
teño de levar comigo
á Señora de Anamán.
BIBLIOGRAFÍA