Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A señora do castro de Marzá (I)

No castro de Marzá, Palas de Rei (Lugo), existía dende hai moito tempo o costume de enviarlle á Señora que, segundo os veciños, había no castro unha dádiva despois da matanza dos porcos consistente nuns bos cachos de raxo, chourizos, tripas, lacón, queixos,...etc., en pago á protección que dita Señora, moi fermosa por certo, lles dispensaba.
Estes regalos enviábanos nunha cesta coidadosamente tapada e depositábana nunha pedra que hai na entrada da Folga dos Bois, pasando a recollela ao día seguinte, desprovista xa das viandas.
Pero..., hai uns anos, uns veciños que tiñan de criada unha rapaciña de pouca idade dixéronlle:
—Lévalle isto á Señora e volve axiña!
A rapaza foi cumprir o encargo pero nesta ocasión encontrouse coa Señora, que estaba sentada na pedra onde había que deixar a cesta, e preguntoulle:
—E ti, que traes aí, neniña?
Ao que respondeu a pequena:
—Estes alimentos para a Señora do castro lle traio, de parte da casa da Abieira.
A Señora recolleu a cesta baleirando o contido sobre a pedra e enchéndoa de carbóns apagados que tiña diante; e díxolle á nena:
—Dálle moitas gracias á túa ama e lévalle o cesto como cho dou.
A nena emprendeu o camiño cara a casa, pero como o cesto pesaba máis do que podían as súas forzas, pensou: “Carbóns temos na casa os que queremos; non vale a pena carrexalos”; e, sen pensalo máis, baleirounos no camiño.
Cando chegou á casa preguntáronlle como fixera o encargo, e contouno con todos os detalles. Mais, ao abrir a cesta, viron no fondo uns pouco cachos de ouro, no que se converteran os escasos carbóns que quedaran na cesta.
Escusado é dicir que saiu disparada toda a familia cara o lugar onde os carbóns foran baleirados, pero non conseguiron encontrar o ouro, nin tan siquera os carbóns, xa que desapareceran.

[Recompilación e recreación de Anahí Ouro Blanco, alumna de 2º de E.S.O. do I.E.S. de Palas de Rei (Lugo), curso 2005-2006, para o traballo escolar “Recuperación da literatura oral do concello de Palas de Rei”, coordinado polo profesor Toño Núñez]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: