Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

San Martiño e San Roque de Viveiro

A capela de San Martiño está no monte Castelo, parroquia de Landrove, concello de Viveiro (Lugo); de por alí arrinca un túnel que disque chega ata Bravos. A capela está rodeada de penedos, algúns con cazoletas de diferentes formas. A auga que apoza nelas úsase para as dores dos oídos, dos ollos e para os males da cabeza. Fáiselle romaría o domingo anterior ao luns de Pascua, así que a festa varía entre o 10 de maio e o 13 de xuño.
A capela de san Roque sitúase no monte do mesmo nome nas proximidades de Viveiro (Lugo) e ténselle festa o 16 de agosto. Este santo foi beneficioso contra as pestes que afectaron a Viveiro e comarca no século XVI, e mesmo se asegura que a imaxe do santo se apareceu nunha cova próxima á capela.
En certa ocasión San Roque e San Martiño tiveron unha discusión e cada santo marchou para o seu monte. Mais non acabou aí a lea.
Desque chegaron cada un ao seu outeiro, San Roque comezou a tirarlle pedras a San Martiño pero non lle atinaba. San Martiño burlábase da mala puntería de San Roque e este enrabechouse tanto que lle tirou todas as pedras que había no seu monte. Non deixou unha.
Por iso é que o monte de San Roque non ten unha soa pedra e, en cambio, o de San Martiño de Castelo, non ten onde poñerlle máis.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: