Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pedras

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Pena dos Namorados de Arcos

Preto de Ponteareas (Pontevedra), a uns poucos metros da vella estrada de Madrid, na parroquia de Arcos, atopamos un conxunto de grandes pedras nunha curiosa disposición, coñecido popularmente como «Pena dos Namorados». Unha caprichosa escultura natural que Estanislao Fernández de la Cigoña describe nun artigo da seguinte maneira: «Sobre unha gran rocha que fai de base, mergullada entre a terra, apóiase outra enteiramente cha que serve de alicerce (A Cama) a unha terceira moito máis pequena e de figura oval: a Dama. Esta última, ten por riba unha cuarta de gran tamaño, que mide aproximadamente uns 2,5 metros, aparecendo alongada e lisa: o Cabaleiro, que a aperta contra a que fai de leito, deixando entre eles algúns espacios baldeiros á xeito de pequenas cavidades.»
A Pena dos Namorados ten a súa propia historia, de probable orixe medieval, e o seu propio rito.

A lenda

Fálanos a lenda dos amores furtivos de Aldina e Tristán. Ela era a filla do señor do castelo do Sobroso, Álvaro de Sarmiento; el, un humilde labrego que se deixou tentar por un amor imposible, segundo as comenencias sociais da época. Outras versións falan dun improbable Tristán de Abarca como señor da fortaleza construida por Pedro Madruga na Picaraña, xusto fronte ao Sobroso, enfrontado a don Álvaro por unha cuestión de lindes. En calquera caso, falamos dun amor «inconvinte».
Aldina, amazona aventaxada, acostumaba sair do castelo á caída de cada tarde co pretexto de dar un paseo a cabalo. Baixo o solpor cabalgaba pola comarca escondendo a verdadeira razón das súas saídas: o encontro co seu amado Tristán. Víanse ás agochadas no conxunto de pedras de que estamos a falar, hoxe chamado «Pena dos Namorados», afastado de olladas curiosas. Don Álvaro, intrigado polas saídas da rapaza, decátase desa luz intensa que desprende o seu mirar e quere indagar quen é o afortunado receptor do amor da súa filla, quizais algún nobre da comarca, pensa. Logo dalgunhas preguntas ao serventes coñece a verdade: o obxecto dos afagos da súa filla non é un nobre, senón un labrego. Non da creto ás informacións e decide contrastalas pola súa conta.
Ao outro día, cando Aldina fai a súa habitual escapada, don Álvaro sae tras dela a unha distancia prudencial. Vai vestido de mendigo para non erguer sospeitas, seguindo as pegadas do cabalo da súa filla. A inquedanza crece cando deduce o recuncho ao que se dirixe. Preto da Pena dos Namorados, agochado tras dunhas silveiras, don Álvaro é testemuña directa do que os seus servidores lle dicían e que el considera unha aldraxe: a súa filla en brazos dun labrego. O seu duro corazón énchese de carraxe e xura pór fin a eses amores que envilecen, segundo o seu punto de vista, a nobreza da súa casa.
Ao remate da cita, Aldina e Tristán despídense non sen antes acordar vérense de novo ao outro día. Ela sube ao seu cabalo e emprende a marcha paseniño; el míraa marchar cun sorriso nos beizos e tristura nos ollos. Xa é noite pechada. E, de súpeto, de entre as silveiras sae unha sombra ameazante. Tristán fica abraiado e don Álvaro comeza a falar. É unha voz ruda e baril, que non suplica: ordea. E ordea ao amante que se esqueza da súa filla. Ameaza a Tristán coa morte se non obedece, pero o labrego pretende facelo razoar xurando que ama a Aldina. Don Álvaro non quere escoitar as súas palabras e desenvaina a espada. Na noite, o refulxir do aceiro cega por un intre aos loitadores que se lanzan un contra o outro. O entrechocar das armas fai calar aos grilos ata que un dos corpos cae sen vida no duro e frío chan, agora enchoupado en sangue.
Don Álvaro desfoga o seu instinto nun berro arrepiante, mentres mantén a espada ensanguentada na man. Os seus ollos enchidos de carraxe ven como a Tristán se lle vai escapando a vida a borbotóns. O amante fica morto no chan e don Álvaro empúrrao contra a silveira na que el estivera agochado, e marcha.
Ao día seguinte, Aldina acude á súa cita cotiá, leda e bulideira, pero non atopa a ninguén na Pena dos Namorados. Sorpréndese de que Tristán non a estea esperando e decide agardar por el, pero as estrelas comezan a asomar ao balcón da noite sen que apareza. Desconcertada, non sabe que pensar e logo dun bo pedazo de tempo opta por marchar. «Mañá volverei e atenderei as súas explicacións». Pero ao outro día, Tristán tampouco aparece. Aldina comeza a dubidar das verdadeiras intencións do amante pero aínda lle quere dar unha última oportunidade. Ao caer a terceira tarde, volve á Pena dos Namorados. Pero Tristán segue sen aparecer.
Desesperada, o seu corazón chora con bágoas de carraxe, bágoas de tristura. Soan unhas campás. Son as do veciño convento de Canedo. O seu ritmo é o de defuntos. E no medio do seu triste son, escoita unha voz oca e fría: «¡Aldina, miña amada!». A moza sinte un arrepío mentres unha estrana néboa vaise pechando sobre a Pena dos Namorados e do medio dela xurde unha figura pantasmal. Aldina recoñece a Tristán e o seu corazón énchese de ledicia. O mozo explícalle que as campás están soando por el, que o seu pai deulle morte alí mesmo, que arrumbou o seu corpo contra as silveiras ata que foi atopado por un veciño. Aldina escoita inmóbil as súas palabras pero non pode crer o que está oíndo. E Tristán explícalle que o ceo lle fixo o regalo de deixalo voltar só por un intre para despedirse dela, e que axiña estarán xuntos de novo. Logo, tal e como chegou, agochado entre a néboa, desaparece.
Aldina fica chorando toda a noite e, co luceiro da mañá, torna ao castelo. Disque ao entrar atopou ao seu pai, inquedo pola súa tardanza, pero que ela non quixo dirixirlle unha soa palabra. Só cruzou con el unha ollada que rachou o corazón de Don Álvaro, e pechouse na Torre da Homenaxe. Foi a derradeira vez que a puido ver con vida, xa que logo de tres días encerrada e chorando sen consolo, Aldina morreu de pena pola perda do seu amado. Dende entón fican xuntos no ceo, cabo das estrelas, disfrutando da eternidade do seu amor. E hai quen di que, desesperado e arrepentido, don Álvaro rematou os seus días pechado nun convento, chorando e suplicando o perdón.

O rito

O caso é que, partindo desta fermosa historia, podería ter nacido na comarca o rito ancestral das tres pedras que homes e mulleres casadeiras seguen a facer, con fe ou sen ela, de costas á Pena dos Namorados. Nese rito, pregúntaselle á secular Pena sobre o noso máis inmediato futuro amoroso e a posibilidade de casarnos. A persoa que pretenda saber a resposta a esta pregunta deberá recoller tres pequenas pedras e situarse de costas á Pena con elas na man. Pouco a pouco deberá tirar cada unha das pedras por riba do seu ombro coa intención de que fiquen no alto, algo que non parece doado por mor da inclinación da pedra superior.
Disque se as tres pedras fican no alto da pena, significa que casaremos antes dun ano; se só fican dúas delas, a resposta é que o momento da voda será posterior a un ano pero inferior a dous; se só fica unha indica que casaremos nun tempo impreciso logo de dous anos; e se non fica ningunha delas, a Pena estanos a dicir que non casaremos. Ou iso é o que se di na parroquia de Arcos.

Malia non termos clara a orixe da Pena, hai estudiosos que queren ver no rito das tres pedras unha conexión coa vella festividade do Lugnasad, unha das catro grandes celebracións celtas, a que anunciaba a chegada do verán. Estaba adicada ao deus Lug ou Lugus e, segundo nos explican os especialistas, tiña que ver con ritos de namorar e coa celebración de matrimonios.

[Texto remitido polo escritor Manrique FERNÁNDEZ, natural de Cospeito (Lugo) e residente en Ponteareas (Pontevedra)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: