Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pedras

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Ponte das Partidas e os sete santos

Varias historias intentan xustificar a orixe do nome da Ponte das Partidas de Moreira, concello de Ponteareas (Pontevedra). A primeira fala dunha gran banda de ladróns que traballaba organizada por toda a comarca, de xeito que de cando en cando se xuntaban todos os seus membros baixo a ponte para «partir» (ou sexa, «repartir») o botín das súas andanzas e para decidir cales serían os novos pasos a dar. Adoptadas as decisións pertinentes «partían» (ou sexa, «marchaban») de novo a facer das súas. Unha segunda versión fala de que quen se xuntaban baixo da ponte era un grupo de cabaleiros ou guerreiros que, logo de facer algún xuramento ceremonioso, «partían» dende aquel punto con distintos destinos para loitar contra os mouros.
Pero hai unha terceira versión, a máis completa das que escoitei, que chamamos «dos sete santos». Disque en tempos lonxanos de loitas e inxustizas, matanzas e pecado, tempos escuros de maldade, sete irmáns decidiron adicar a súa vida a loitar contra esas calamidades na comarca. Xuntáronse un día debaixo da ponte e decidiron marchar en cadansúa dirección para facer o ben e espallar a palabra de Xesús Cristo, tan esquecida dos homes naquel intre. Os sete irmáns dos que falamos eran Asunción, Lucía, María de la O, Marta, Amaro, Blas e Cibrán.
Antes de partir decidiron que, pasase o que pasase, farían o imposible por permanecer sempre xuntos, vixiándose e protexéndose entre sí. E para teren novas dos outros e cambiar impresións, acordaron xuntárense cada certo tempo naquel mesmo lugar para selar a súa unión. Logo botaron a andar cada un na súa dirección. Segundo me contaba unha veciña de Moreira, Asunción colleu o camiño de Pesqueiras, Lucía marchou a Ganade, María de la O ficou na Picoña, Marta chegou ata Ribarteme, Amaro detívose en Lira, Blas camiñou ata Areas, e Cibrán quedou moi preto de alí, en Guláns.
Dicía esta muller que, cada un no seu sitio, acadaron proezas incríbles na súa particular cruzada contra a maldade e a inxustiza dos homes, pero que baixo ningún concepto esquecían a súa promesa e cada certo tempo volvían a Moreira para saber dos seus irmáns, do que fixeran, dos seus acertos, dos seus erros, de se necesitaban da súa axuda. Xuntanzas de lecer e de lealdade que remataban coa chegada do día. O mencer atopábaos de novo camiñando en cadansúa dirección co firme compromiso de volver no momento preciso para atopárense de novo cos seus irmáns.
E disque levaron tanto tempo e tanto traballo en rematar o seu cometido, que pouco a pouco, aos sete irmáns se lles foi murchando a vida. E disque tanto ben fixeron espallando a palabra sagrada e facendo tornar aos homes da senda do mal, que quixo o ceo que alí onde foron enterrados, creceran sobre os seus corpos sete montes en sinal de recoñecemento ao seu traballo. E disque vendo tal prodixio, o pobo ergueu unha ermida no alto de cada un dos sete montes. E disque foi tanto o ben feito e tal o recoñecemento a cada un dos sete irmáns, que todos eles foron nomeados santos e venerados en cada unha das vilas onde estivera desenrolando o seu cometido. E aínda hai máis, porque disque cada un dos sete montes creceu de maneira que todos eles miraban en dirección á Ponte das Partidas, dando continuidade á promesa que os sete irmáns fixeran un día baixo os seus arcos, vixiándose eternamente e protexéndose entre sí.
Á marxe da lenda resulta que, realmente, en cada unha das sete vilas mencionadas existe un monte cunha ermida no alto, e que en cada unha destas ermidas veneran ao santo referido: á Virxe da Asunción na vila de Pesqueiras, a Santa Lucía en Ganade, a María de la O no alto da Picoña, a Santa Marta en Ribarteme, a San Amaro en Lira, a San Blas en Areas, e a San Cibrán en Guláns.

[Texto remitido polo escritor Manrique FERNÁNDEZ, natural de Cospeito (Lugo) e residente en Ponteareas (Pontevedra)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: