Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pedras

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 19 (2023).SOLLA, Calros: A Chousa de Pedro Bras: o mito fundacional da parroquia de Pardesoa

©Calros Solla

En 2013, por mor dun crime sen resolver1, transitei ás escuras o topónimo “Pardesoa” e, na apalpadela, suxerín a etimoloxía parĭēte sōla (“parede soa”), restos construtivos. En 2015, o estudo de Carolina Pérez Capelo verbo dos topónimos rematados en -oa, -oá, -úa e -uá viría confirmar as miñas sospeitas. Pardesoa é parroquia do concello pontevedrés de Forcarei, lindeira coa de Xirarga, pertencente ao concello ourensán de Beariz. Ambas as dúas, formantes da histórica comarca de Montes. Xirarga (ao sur) e Pardesoa (ao norte) comparten un quilómetro de fronteira. O catálogo de Patrimonio consigna catro gravados rupestres nas inmediacións: o petróglifo do Petón e os petróglifos 1, 2 e 3 do monte Peón, todos catro sitios arqueolóxicos localizados na estrema entre Pardesoa e Presqueiras (Santa Mariña).

A “parede soa” á que fai referencia o topónimo evoca a existencia dunha antiga construción, illada, selleira, primixenia. Aquelas pedras primeiras chamáronlle a atención a quen, de segundas, se estableceu nestes predios e logrou subsistir tirando proveito das bondades da natureza. Ben seguro, os colonos recén chegados pensaron: “Aquí xa viviu xente antes ca nós”, e aquela arquitectura derruída inspiroulles o nome do asentamento.

Cando abalamos na árbore das orixes, unha peza de froita acábanos levando a outra. Quen non anda tras da resposta xamais acada a verdade, cando menos, unha das verdades posíbeis. Consonte o recollido días pasados na parroquia de Xirarga, a colonización de Pardesoa e a explicación do propio topónimo poden albiscarse no relato histórico e/ou lendario que flúe límpido da memoria pernal do señor Aurelio Ramos Ogando (91 anos), veciño do lugar da Alén. A “pardesoa” de Pardesoa ben puidera identificarse cos vestixios dunha zarra, casa, pozo e pomar cuxos antigos propietarios eran coñecidos por Pedro Bras e dona Rosa (A Chousa de Pedro Bras, A Casanova, O Pomar de dona Rosa). Pedro, a pedra de alicerce, nome acaído sen dúbida, para asentar a historia e mais a lenda.

Ao parecer, carecentes de acomodo en Xirarga, Pedro Bras e a súa familia decidiron probar fortuna máis ao norte, en Pardesoa, tras as lombas do monte do Ceo. Arroubados polo realismo máxico do señor Aurelio, remontámonos a un pasado impreciso, deixando ao coidado dos lectores separar a historia do mito, se en algo son desemellantes. A Casanova de Pedro Bras é nestora pardiñeiro, mais sobre as súas ruínas se nos deu por construír a crónica dunha fundación. Fala o señor Aurelio. Escoitemos:

“Este era un matrimonio do lugar da Alén. O home chamábase Pedro Bras e a muller andaba por dona Rosa. Pedro Bras non se levaba coa sogra, berraban seguido. O matrimonio púxose só e pedíronlles aos veciños unha porción de monte comunal. Os da parroquia dábanlles unha parcela, si, pero por vida deles, non pola eternidade como pretendían. Así que Pedro Bras, incomodado, foi pedir terra a Pardesoa, no outro lado do monte. A sogra despediuse botándolle unha maldición ao xenro: “Aínda vaias parar onde galo non ouzas cantar nin campás ouzas tocar!”.

En Pardesoa, os veciños asinaron con eles o seguinte acordo: terían ao seu dispor toda a terra que puidesen cerrar en tres días. O matrimonio aconsellouse cun escribán de Garfián, alcumado O Demo, e contratou uns homes que axiña se puxeron ao choio. Traballaron aqueles homes os tres días falados, noite e día: un chito aquí, outro alá, outro alá, outro alá, outro alá..., ata que cercaron pola calada unha extensión grandísima na que cabía unha aldea dentro. Faltaba a sinatura dun escribán, e Pedro Bras chamou polo Demo (chamábano O Demo porque onde se metía el, escusaba de ir outro atrás). Era coma o Maneiro de Carballiño, non sei se lles soa; o Maneiro foi un avogado moi famoso. Cando Maneiro saía á rúa, tremía Carballiño todo; non ía por calquera cousa.

Cumpríronse os tres días e dixeron os de Pardesoa: “Vamos mirar a ver o que fixeron os homes”. Cando miraron todo aquilo, botaron as mans á cabeza, pero xa era tarde. Eles cedíanlle un anaquiño de terra, unha veiga pra facer unha casa. Cando chegaron e viron aquela extensión do demo... Alí caben ben estes catro lugares [A Abeleira, Framia, A Correa e A Alén]. Chegou o escribán, só faltaba a firma del, que a firma dos de Pardesoa xa a tiñan: “Yo como escribano doy fe”. Así foi como quedou a chousa de Pardesoa en propiedade do matrimonio ese.

Tiveron tres fillos: dous fillos e unha filla. Os fillos, un chamábase Pablo e outro Salvador. E houbera unha guerra moi grande, e por non ir a guerra, os mozos escondéronse entre os penedos que hai por alí. A nai leváballes a porcelana do caldo e mais un anaco de pan debaixo do mandil e ía coma quen chamaba por un becerro: “Cuxiño toma, cuxiño toma!”, e facía que choraba polos fillos: “Ai, Pabliño, Pablo; Salvador meu fillo; ai, Pabliño, Pablo; Salvador meu fillo; cuxiño toma!”. Deixáballes entón a pota do caldo e mais o pan e ela volvíase prá casa. Pero, se coñece que unha noite llelos pescaron e tiveron que ir prá guerra. Non se sabe se fuxiron lonxe pra non volver ao ermo da Chousa ou se morreron na guerra; nunca máis se soubo deles.

Despois tiveron unha filla. Chamábase Petronila. Un día, veu un cazador rico, moi rico, de alá de Beariz. Montado de a cabalo, cos dedos cubertos de aneis de ouro, chufábase: “Yo pago contribuciones en las cuatro provincias gallegas”, e pediu a Petronila en casamento. Casaron e levouna pra Beariz. Nese medio tempo, morreulle o marido á señora, alá na Chousa. Tres días, coa gordura de neve que había, tivo o defunto na casa, ela soíña. Tiña tres cans grandes coma cabalos. Deixou dous cans gardando a casa e o outro can tróuxoo con ela. E cunha poleira arrastro pra desfacer na neve as pisadas do can e mais as dela por causa do lobo, veu avisar a xente. Os veciños fóronlle buscar o home. El está enterrado aquí en Xirarga, no cemiterio vello, na Chousa do Cura, e ela está enterrada en Beariz. Ela foi pra onde a filla; ao verse soa, marchou pra onde a filla.

Este matrimonio da Alén conseguiu a chousa en Pardesoa coa trampa do avogado e mais dos chitos. Os homes ían sabidos e traballaron día e noite ata rebentar. A Chousa é de Xirarga, pero está metida na provincia de Pontevedra.

A Chousa de Pedro Bras anda agora pola Chousa de Valboa, porque a herdaron os Valboas. Pedro Bras e dona Rosa non tiveron máis familia. Ela, ao enviuvar, arrimouse ao Valboa Vello de Beariz, que era un homazo, un home de potencia. Arrimouse a el e, cando morreu a Petronila, tamén sen deixar descendencia, os Valboa quedaron coa chousa. A Chousa tamén se coñece como A Casanova”.

O señor Aurelio Ramos enfía un conto con outro; a súa locuacidade daría para encher mil e un domingos. Falando de pedras ben concertadas, saben quen fixo o cruceiro do San Salvador de Xirarga?, pregúntanos. Na opinión do noso informante: o mestre Cerviño de Cerdedo. “Era de Cerdedo ou veu de cara a alá”, explica. Como xa afirmabamos noutro artigo, se esa é a procedencia do canteiro, existen moitas posibilidades de que fose Ignacio Cerviño, o autor do cruceiro do Hío.

O señor Aurelio volve tomar a palabra:

“Voulle contar un caso do Cerviño, que pasou alá en Vigo. En Vigo, na rúa do Príncipe, encargáronlle todas as cornixas dun edificio que se estaba facendo. Cerviño presentouse na obra coma un pobriño, co punteiro aparecéndolle por un lado, o mango da maceta saíndolle polo outro; facéndose o parvo. “A min se me desen traballo...”, rogou o canteiro. O patrón estaba esperando polo mestre Cerviño e non se decatou de que o tiña diante. “Si, si; aquí traballo hai bastante”, aceptou o patrón. “Pero se me puidese poñer unha folla de lata por riba, que a min máncame o sol na cabeza”, pediu Cerviño. “Pois si, home”. O patrón chamou por uns homes e díxolles: “Cravade aí catro estacas e tal...”. Pero cando aquel canteiro empezou: pic!, pic!, case sen levantar a maceta, o patrón botou un xuramento: “Mecá..., vostede é Cerviño!”. “Pois si, son Cerviño”. O patrón deulle un abrazo. “E por que non mo dixo antes”. Cerviño respondeu: “Porque o meu modo de presentarme e este”.

Un silencio inopinado devolveunos á realidade. O tempo pasa amodiño en Xirarga. Non teñas medo de perderte, non...

www.tabeirosmontes.com (12-6-2019).

Faro de Vigo-Terra de Montes (21-7-2019).

1 O crime de Pardesoa (Ed. Morgante, 2013).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: