Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

As lendas da fonte Pormás

«Abondarían estes tres relatos lendarios para elaborar un opúsculo sobre os ritos de encantamento e desencantamento así como nas crenzas sobre da existencia de tesouros nalgunhas fontes como é o caso desta Fonte Pormás que se atopa na parroquia de Castañeda no concello de Arzúa (A Coruña). O informante de don Antonio, Manuel Cardelle Conde, coñecía perfectamente o lendario da fonte e o dos arredores, e forneceuno dunha información sobre seres e ritos que hoxe é practicamente imposible de conseguir (Fraguas 1931c).

Son tres lendas, a cal máis interesante. A primeira fala do intento dun vello e un rapaz por conseguir o tesouro agochado na fonte. Levaban o libro de San Cipriano e comezaron a ler. Cando xa andaban pola metade da lectura aparecéuselles un xigante vestido de militar e cunha enorme espada coa que fendeu un gran penedo pola metade. O rapaz viu como se abría un burato na pena e como aló dentro había unha morea de santos de ouro. O rapaz non tivo medo e botoulle a man a un, xusto no momento en que se pechaba o burato. Aínda así turrou canto puido e quedou cun brazo dun dos santos que venderon a un reloxeiro de Santiago por moitos cartos.

Fonte Pormás. Fotografía de Cristina Vázquez e Xurxo Broz (22 de maio de 2020)

A segunda conta como un mozo de por alí viu chegar cabo da fonte un fidalgo da veciñanza na compaña da súa filla e de varios criados que levaban un adival e varios sacos ao lombo. Ao chegar, o fidalgo despediu os criados mentres a filla choraba pois sabía o que lle ía pasar.

O pai comezou a ler nun libro, cuxa lectura provocou que a filla entrase sen resistencia polo ollo da fonte. A seguir entraron os sacos e pouco despois o adival, que xa se transformara en serpe. E dixo o pai: “El que te desencantare, nove veces detrás del cachazo te ha de besare!”.

O fidalgo foise e o rapaz atreveuse a probar fortuna. Cando se achegou á fonte presentóuselle a rapaza para dicirlle: “Se non tes valor, non me desencantes!”.

Pero o rapaz tivo valor, agardou a que saíse a serpe e deulle os tres bicos “detrás del cachazo” A serpe volveu entrar na fonte, e así sucedeu outras dúas veces ata que á terceira a serpe se reconverteu en adival. E despois, precedido dun estrondo enorme, saíu a moza cos sacos cheos de ouro. Seica casaron polo rito católico e apostólico.

A terceira lenda conta un caso arquetípico de desencantamento. Unha muller castelá encantara na fonte tres fillas. E cando xa che chegaba a vellez, parece que arrepentida, comentou o caso cun mozo de Arzúa que andaba por alá, deulle tres bolos de pan e díxolle que os fose pousar á fonte, que non llo dixese a ninguén, e que candos os pousase, dixese: Oureíña, Oureana; Toma este boliño que che manda túa ama!

A cambio recibiría un grande tesouro.

Fonte Pormás. Fotografía de Cristina Vázquez e Xurxo Broz (22 de maio de 2020)

Mais a cousa fracasou. O mozo, aínda que non dixo nada na casa, foi sometido a espionaxe pola muller que nun descoido encetou un dos bolos. De maneira que cando foi á fonte, pousou os bolos e dixo o que tiña que dicir, primeiro saíu unha moza da fonte, e despois outra pero a terceira non puido saír (era a do bolo encetado) e díxolle desde dentro da fonte: Por culpa da túa muller a min dobróuseme o encanto. Toma este xustillo e ponllo á túa dona!

Mais o rapaz, que non era torpe de todo, antes de chegar á casa pousou o xustillo sobre un castiñeiro para ver como era de bonito, momento no que a prenda estoupou nunha enorme laparada. Seica quedou de mostra por moito tempo o tronco chamuscado da árbore.

Dinos don Antonio que a moza cumpriu o encantamento ata que un serán de moito trono saíu da fonte pero en figura de fusil, imaxe que viron moitos veciños do lugar por iso se sabe que foi así e non doutra maneira».

Texto extractado de A. Reigosa "A Galicia máxica de don Antonio Fraguas", Boletín da Real Academia Galega, nº 380, pp. 23-42 (ver PDF)

SOS pola Fonte Pormás

Os colaboradores de Galicia Encantada, Cristina Vázquez e Xurxo Broz, realizaron unha visita á Fonte Pormás o día 22 de maio de 2020. A localización non foi doada pero unha vez conseguida grazas á axuda dalgúns veciños, o estado de conservación na que a atoparon resultou decepcionante.

Fonte Pormás. Fotografía de Cristina Vázquez e Xurxo Broz (22 de maio de 2020)

Segundo a información que nos facilitan, a Fonte Pormás sitúase na divisoria entre as parroquias de Castañeda e Vilantime, ambas do concello de Arzúa (A Coruña).

Como se pode observar nas fotografías facilitadas por Cristina Vázquez e Xurxo Broz, a fonte está totalmente oculta, ensumida debaixo da maleza e de abundantes pedras de recheo.

Mágoa que as autoridades competentes non se decaten da enorme importancia desta fonte como lugar de memoria e referencial dun patrimonio inmaterial (ademais de natural e ambiental) espectacular.

Confíamos, pregamos que se traballe con urxencia na pronta recuperación deste singular lugar patrimonial, cun axeitado adecentamento da contorna, unha sinalización e divulgación do lendario asociado, todo co máximo respecto á nosa memoria cultural e á de don Antonio Fraguas.

 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: