Pedras
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Paleoxinecoloxía na Costa da Morte
“Saían as mulleres da derradeira misa – ás tres ou cinco e media da tarde -cando, na porta da igrexa do Santo Hadrián de Corme, o guerreiro vencedor das serpes aladas, estaba eu agardándoas cunhas bolsiñas que vendía a un real cada unha delas. Moitas mulleres pasaban por diante, sen reparar nelas … pero moitas outras achegábanse, ansiosas por mercarmas.
En cada bolsiña había un anaco da terra dun berciño de pedra, fincado na Illa da Estrela, onde estaban os muros da ermida da Virxe que dá nome a aquela praia. As mulleres que tiñan moita regla fervían un cazolo de auga con aquela terra e bebíana, namentres rezaban uns Painosos, para cortar o fluxo” (Dolores Puñal Castro, “Lola de Gerardo”, Escobia, Corme Aldea, concello de Ponteceso).
“Debaixo da escalinata do pazo de Arixón, en San Cristobo de Cerqueda, o xigante que levara no ombreiro ao Noso Señor, hai unha cavidade onde as mulleres pousaban a barriga para ter un bo parto (Manuel Bouzas Souto, “O Vinculeiro de Folgueira – Filgueira - de Abaixo”, Cerqueda, concello de Malpica de Bergantiños. Na realidade, é una pía de pedra moi elaborada, coma se fora bautismal ).
“Na fonte da Virxe do Faro apañábase auga que non se corrompía en quince días. Era boa para as verrugas e amais para as doenzas das entrepernas das mulleres” (Informante feminina ao pé desta fonte, en San Xulián de Brantuas, o santo da pomba e do falcón, concello de Ponteceso).
[Achegas de Luis Antonio Giadás. Novembro de 2019]