Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 15 (2019).SOLLA, Calros: Vestixios litolátricos en Xirasga: A Pedra dos Mouros e a Laxa da Ferradura

©Calros Solla

A Pedra dos Mouros

Resistíndonos a abandonar a parroquia de Xirasga (Beariz), o día 25 de agosto os de Capitán Gosende investimos a xornada na busca, polo monte da Alén, da chamada Pedra dos Mouros que, segundo a tradición, se erguía senlleira no medio das centeeiras do común, sen que ao parecer os aldeáns lle atribuísen función demarcativa ningunha. Como explicaremos, a Pedra dos Mouros é, en efecto, un marco de deslinde, mais, neste caso, a divisoria só tería validez no catastro dos mouros.

Coa axuda dun todo terreo e na gratísima compaña do señor Aurelio Ramos, acadamos o cume do monte do Ceo (819 m). Guiándonos polas indicacións do noso informante (memoria nonaxenaria), internámonos nunha boscaxe mesta de piñeiro e monte baixo onde progresaba sen atranco a toxeira. A cada paso, as pugas dos toxos afagábannos coxas e canelas coas garatuxas do seu vizo. Retranca fóra, o avance fíxose penoso por momentos. Cando estabamos a piques de sucumbir, Vítor Xil bateu coa impertérrita entosta de xisto. A súa verticalidade tapizada de fungo e carriza tentaba pasar desapercibida entre a espesura. Velaquí, para aqueloutros cazatesouros que nos seguen os pasos, as coordenadas do chantón que en Xirasga nomean a Pedra dos Mouros.- X: 556.499; Y: 4.703.985; 785 m de alt. O cachote presenta as seguintes dimensións: 160 cm (parte visíbel) e 80 cm na súa parte máis ancha.

As toxeiras posúen unha proverbial capacidade de disuasión, emporiso, a temíbel barreira vexetal non foi óbice. Ben se encargou o señor Aurelio de espelir a nosa ansia co relato que transformaba aquel vulgar chantón nunha pedra prodixiosa. Coñecedores do suxestivo aparato lendario que reviste a Pedra de Xan Xil (léanse anteriores publicacións), darlles a coñecer a Pedra dos Mouros era, sen dúbida, quefacer inescusábel. As mil e unha xornadas que nos entreteñen en Xirasga son mérito do señor Aurelio Ramos, pois o seu fabular engaiolador nada ten que envexar ao da princesa Sherezade.

Segundo o señor Aurelio, por boca dos antepasados transcendeu a noticia de que naquela lomba, na vertente oriental da Vela (A Suavela), do Outeiro do Lobo e mais do Outeiro da Verruga, librárase xacando unha feroz batalla entre dous exércitos de mouros, episodio dunha guerra sanguenta que duraba anos. Porén, tras aquel combate, oneroso en vidas e haberes, acordaron os bandos enfrontados porlles fin ás hostilidades e asinar un acordo de paz duradeiro. Para testemuñar tan loábel avinza, fincaron unha pedrafita que valese de recordatorio e, ao tempo, deslindase os eidos en disputa. Amigos si, pero a vaquiña polo que vale.

Solucionado o conflito, os mouros ocultáronse baixo terra ou migraron a outra dimensión, empregando o espello da lagoa estacional que alí chaman Auga Empuzada. Así e todo, empolicados nos penedos da Vela, sentinelas das dúas tribos mouras vixían (velan) día e noite o cumprimento do pacto, empregando para cociñar e para o aseo a auga que repocha nas bacías naturais do Outeiro da Verruga. Conforme outras opinións, corroboradas no Ciprianillo, a Pedra dos Mouros sinalaría o lugar onde a mourindade en forzosa retirada soterrou un valioso tesouro, fortuna reservada á espera do retorno.

Sendo o señor Aurelio rapaz, cando o monte da Alén se rozaba para estivadas, moitos comuneiros consideraban o marco da Pedra dos Mouros un atranco e non poucos desexaban arrincalo e arrombalo, ou mesmo facer del cachote para valagotos. Convocouse unha xuntanza. O avó do señor Aurelio, pedáneo axuizado, tomou a palabra e, impoñéndose ao rebumbio da discordia, exclamou: “Recoño, a esta pedra non se lle anda nas raíces!!”. Aquela lúcida e tallante intervención permitiunos hogano retratármonos a carón da Pedra dos Mouros a tempo de cinguirlle o adobío lendario. A pedra termará da lenda como a áncora fondea unha embarcación.

Mentres nos distraïamos en elucubracións, un miñato real (Milvus milvus) sucou silandeiro a agra do luscofusco, indo pousar nun ramallo de arume. Dende o galleiro, a sentinela mantívose á espreita. Mouros, habelos hainos.

A Laxa da Ferradura

O primeiro de setembro, reunida a tropa no adro do San Salvador, dirixímonos ao sudoeste da aldea da Correa, xa que nos impuxeramos a nova misión de atopar a chamada Laxa da Ferradura.

Consonte os nosos informantes, na parroquia de Xirasga existen até catro pedras con esa denominación, todas elas, por suposto, distinguidas coa pegada indelébel do cabalo do apóstolo Santiago. Disque, no seu rol de azoute do paganismo e da herexía, o Apóstolo patrullou tempo esquecido aquelas fraguizas na escorrentada dos mouros autóctonos e alóctonos que, nisto, o pobo fixo envurullada.

Dos catro penedos ferrados, tres aínda están por situar no mapa: de norte a sur, un ocultaríase na fraga de por riba de Framia (monte da Sobreira), outro, no lugar nomeado A Ferradura, o terceiro, nos prados da Naveira (variante de Neveira) e o cuarto acharíase tras do regueiro do Porto da Anta (nos predios de Casaseto). Dedúcese daquela que á cabalgadura do Matamouros lle abastaban catro chancadas para atravesar a parroquia.

Estreado setembro, Capitán Gosende foi quen de localizar a Laxa da Ferradura dos prados da Neveira (óese Naveira). O penedo metamórfico aflora a escasa distancia dun dos pozos da neve de Xirasga, de aí o microtopónimo. Malia que inactivas, no lugar aínda son evidentes as trincheiras da minaría do estaño e do volframio. Fálase da presenza de axentes alemáns en Xirasga cando a Segunda Guerra Mundial.

A parte visíbel da Laxa da Ferradura (coordenadas.- 554.792; Y: 4.702.305; alt. 688 m) acada os 6 m de lonxitude. O toxo, o carrasco e a carqueixa tecéronlle a touca. A cara da rocha orientada cara á postura do sol é un plano case vertical duns 3 m de alto. Contemplándoa de fronte, apreciamos que a auga labrou nela unhas canles de desaugadoiro que a atravesan en diagonal, de dereita a esquerda e de arriba a abaixo. No seu treito medio, a canle meirande anchea formando unha pía natural. Soterrado na bacía, atopamos en letarxia unha femia de limpafontes verde (Triturus marmoratus). Procuróuselle ao anfibio nova toqueira para a soneca. A Laxa da Ferradura sitúase a uns 40 m de distancia, cara ao leste, do regueiro do Porto da Anta, tributario do río de Doade ou Cardelle, tributario do río Avia, tributario, á súa vez, do río Miño. Boa fillarada ten o pai Miño.

No lado esquerdo, iniciándose na parte superior da rocha e perpendicular ao chan, observamos outra canliña de desaugadoiro. Esta canle, máis estreita, duns 160 cm de lonxitude e unha profundidade máxima de 7 cm, córtase pola diagonal da canle meirande. A uns 130 cm do seu inicio, a canliña forma unha concavidade (non parece natural) que lembra o casco dunha cabalaría (13x10 cm). Tras a dita concavidade, a canliña continúa uns 30 cm, mais non acada o chan. Segundo o pobo, a cavidade sería a “ferradura” do cabalo do apóstolo Santiago e a canliña, a marca da escorregadura. O extremo superior da canliña bifúrcase a semellanza dunha punta de frecha, sinalando, seica, o lugar onde se oculta un tesouro.

Villaamil y Castro, na súa obra Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia (1873), referíndose ao “famoso” Pico Sacro, fala da existencia de ciertas peñas, sospechosas, por lo menos, de ser menhires, semidólmenes y altares, y que aparecen entre los muchos aparentes peñascos en que el monte ese abunda; y de las cuales una es poseedora del significativo nombre de “huella del caballo de Santiago”, análogo al que otras muchas peñas llevan en el país y fuera de él, como el de “penas caballadas” ... es muy posible que estuviesen destinadas a servir de linderos o mojones, y que de ellas se haya derivado la palabra “marca”, en la acepción de mojón, pues que “mar” o “marc’h” es palabra gala que significa a la vez “caballo” y “límite” (páxs. 38-9).

Na paisaxe granítica, alterada pola meteorización, erosión e diaclasado, son comúns as formacións encabalgadas: pedras sobrepostas. Esta modelaxe foi a que inspirou os chamadeiros “pena cabalada” ou “cabaleirada” e non tanto as marcas que evocan a equina pisadura. Ascendendo o monte do Seixo pola costa da Galgareta de Meilide, anotou o Padre Sarmiento (1745): Pena Cabaleirada, unha sobre outra. Por outra banda, non todos os penedos superpostos son pedras abaladoiras.

Ratificando a relevancia que para os naturais ten a Laxa da Ferradura e o seu compango mitolóxico, engadiremos que, hai anos, Severino, un mozo da Correa, investiu ben horas na cava dos arredores, tentando exhumar a sospeitada riqueza. Descoñécese se o seu esforzado labor foi finalmente recompensado. En Xirasga, por entre o filón do estaño e a veta do volframio, escintilan de ouro as entrefebras.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: