Pedras
CATEGORÍAS RELACIONADAS
nº 14 (2018) REIGOSA CARREIRAS, Antonio: O lendario popular arredor do Mariscal Pardo de Cela (I)
O lendario popular arredor do Mariscal Pardo de Cela
©Antonio Reigosa
Publicado en 'Candea Branca', nº2. Seminario de Estudos do Valadouro, xaneiro 2017-xuño 2018.
Se as penas de Oirán se volveran pan, a Frouseira manteiga e o río Ouro viño mouro, non habería terra como o Valadouro!
Máis ca un traballo de interpretación, que non se pretende por agora, achego unha breve recompilación de relatos que o imaxinario popular foi construíndo arredor da figura do Mariscal Pedro Pardo de Cela. Un personaxe, como é ben sabido, controvertido e non por culpa súa senón vítima el tamén da escaseza de documentos históricos fiables e da parcialidade recorrente de moitos investigadores que se achegan á súa figura e ao seu papel na historia.
Á par que a literatura de creación culta arredor deste personaxe, moi abondosa, e que, en xeral, o considera un mártir da causa nacionalista, a chamada literatura popular tamén contribúe á creación do mito, mais con resultados diferentes.
No caso que nos ocupa e se atendemos só aos relatos tradicionais, parece que, como axiña veremos, estamos diante dun personaxe con perfil de heroe, posuidor mesmo de capacidades máxicas pero non ante a presenza dunha especie de redentor que actuase con plena consciencia do seu papel liberador de calquera tipo de opresión.
José Villaamil y Castro1 recolle de fonte oral que Pedro Pardo de Cela fixo construír un túnel ou camiño soterrado desde o castelo da Frouseira ata o río (entendemos que se refire ao Ouro) co só propósito de levar a beber os seus cabalos. Tamén nos di que era posuidor dunha descomunal forza pois, esta é a proba, era quen de lanzar unha barra de ferro desde a fortaleza da Frouseira ata o Castro de Ouro, a unha legua de distancia. O mesmo autor lembra brevemente os sucesos lendarios máis coñecidos que se lle apoñen, a odisea da captura, traizón e morte do mariscal, o relato da Ponte do Pasatempo de Mondoñedo, coa esposa do Mariscal, Isabel de Castro, de protagonista, e o da existencia dunha cadea no cárcere de Mondoñedo co nome de Mariscala “que se asegura es la única cosa que se conserva de la Frouseira, aunque algunos dicen que sirvió para sujetar al Mariscal el tiempo que estuvo en la cárcel”.
Eduardo Lence Santar, que xa visitara a Frouseira, xunto cun grupo de “cultos jóvenes de Mondoñedo”2 no outono de 1914, publicou en 1939 en El Compostelano3 un artigo (dedicado ao seu amigo de Alaxe e probable informador, Xeneroso Díaz Villar) no que, amais doutros asuntos recolle relatos do noso interese.
Segundo Lence, en Santa Cilla dicían que Pedro Pardo de Cela era un home forte e valente, e que tiña unha sortella de ouro coa que era quen de botar barcos ao fondo do mar. Pura maxia. E tamén conta que o Mariscal tiña dous cabalos, e que neles, con relevos, se poñía en Mondoñedo en media hora. E tamén, segue Lence, que metía os presos nun pozo cadrado moi fondo. Tamén apunta o mesmo historiador que Pardo de Cela non podía ver casas brancas (enténdase que se refire ás pintadas desta cor), e que se vía unha muller vestida con dengue ou outro paxelo colorado que ordenaba sacarllo. Ao que parece, tampouco aturaba a cor vermella, polo menos sobreposta sobre o corpo das mulleres.
Tampouco, como é recorrente nestes casos, non se descarta a existencia dun tesouro na Frouseira. Ao contrario, pois alí había moito ouro encantado que había ser descuberto algún día polas cabras e as ovellas, o que pon este tipo de crenzas en relación coa mitoloxía popular dos tesouros encantados que, segundo crenzas ben arraigadas, tamén han ser descubertos pola pata dunha cabra ou dunha ovella, ou ben pola rella dun arado. A interpretación máis sinxela deste dato é que eses tesouros están baixo a tona da superficie da terra, e que só a casualidade, favorecendo a quen o mereza, ha dar con eles.
Outro dato a ter en conta que aporta Lence, tamén relacionado co imaxinario popular sobre os tesouros, é que Manuel da Rega, de Carballido, lle transmitiu (contado polo seu pai) que na Casa de Allegue, sita ao pé mesmo da Frouseira, tíñanse atopado tempo atrás bólos de ouro. E que un veciño de Oirán falaba dun tal Ánxel Canelo, de Santa Cilla, que cando era novo dera alí mesmo cunha pía tapada cunha lousa, e que dentro dela atopara un candeeiro amarelo que lle vendera a un prateiro de Betanzos.
Outras referencias de interese son que algunhas pedras da Frouseira eran utilizadas como reloxo preciso pola xente daquela contorna de maneira que cando o sol dá na chamada ventá da Frouseira son as once, e cando dá máis arriba, as doce.
Engade Lence aínda que se teñen atopado por alí bólas de pedra e ferro, e sobre a forza descomunal dos homes do Mariscal incide no que xa recollera Villaamil referido ao vigor do propio Pardo de Cela e dos seus homes para dicir que xogaban á barra os da Frouseira cos de Castro de Ouro.
Sobre o chamado “xogo da barra” apuntamos que xa o practicaban os soldados gregos e os romanos como exercicio ximnástico. Consistía en lanzar o máis lonxe posible unha peza alongada de ferro de peso e medidas variables. Gañaba o que a tiraba máis lonxe, sempre e cando a barra quedara chantada. A barra, a versión moderna é o lanzamento de xavelina, consta da panca de ferro ou “vectis” e dunha peza de madeira chamada “lingulata” arredor dunha punta de ferro.
E xa para rematar coas achegas feitas por Lence Santar resultan tamén moi interesante a relación de topónimos que enumera e que deberan ter, seguro que o teñen, algún folclore asociado pendente de investigar: Pena do Mariscal, Pena do Ramo, Pena do Convento, Pena da Pacienta, Pezacagada, Pena do Lobo, de Martín Cru ... e as fontes da Moura, das Cazoleiras, das Couras, da Vella...
A propósito da toponimia popular temos recollido un testemuño de Ramón Pérez, veciño de Oirán (Mondoñedo), publicado con texto e audio na web “Galicia Encantada”4. A gravación realizouna Fran Bouso en xullo de 2013. O relato relaciona o nome da parroquia co paso polo lugar do mariscal Pedro Pardo de Cela, sucedido que tería acontecido cando o levaban preso desde o Valadouro a Mondoñedo, e que di:
«Dice a tradición que alí, que lle puñeran á parroquia o nombre de Oirán porque cando prenderan ao mariscal Pardo de Cela que o trouxeran por alí para executalo aquí en Mondoñedo.
E como había unhas cantas casas que dixeran:
—Oirán ou non oirán? (pasar con el).
Dícese que lle quedou o nombre por eso».
Co ánimo de recuncar máis adiante sobre o lendario popular de tradición oral xerado arredor da controvertida figura do Mariscal Pedro Pardo de Cela, deixamos aquí para rematar este artigo de avanzada unha mostra do moito recollido sobre este asunto por Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira e Xesús Pisón e publicado en “Contos do Valadouro”5.
O que agora reproducimos tamén está relacionado coa toponimia de creación popular:
«En Cendemil, ao pé da casa de Lobeira, vense aínda as pedras dun cabanón que fora en tempos torre de Pardo de Cela. Contan que alí houbera unha batalla e que de mil quedaran cen. E como a torre fora abandonada, os veciños aproveitaran as pedras para facer as súas casas… Cando se fixo a casa de Lobeira, apareceu un pozo cheo de ósos de coello e mais de cunchas de ostras, que virían de Viveiro, de onde era alcalde o Mariscal».
Á parte da mención da “terrible” batalla que só deixou con vida “cen de mil”, tamén sospeitamos que ao noso heroe gustábanlle as enchentes con ostras. De aí, quizais, a enerxía daquela xente!
Velaí algunhas das pegadas do mito Pardo de Cela bosquexado polo imaxinario popular.
Pero hai máis. Continuará!
1 Semanario pintoresco español, nº 8 (22/2/1857)
2 La voz de la verdad, nº. 1269 (08/10/1914).
3 El Compostelano, nº. 5810 (11/07/1939).
4 [http://www.galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=32&id=2307]
5 Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1998.