Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O sartego ou 'Baño do santo' de Pontoibo

Arredor deste sartego, localizado no lugar de Pontoibo, hai unha lenda que relata o acontecido a un veciño do lugar que quedara con dúas destas pezas. 

O home vendeunas coma se fosen pías de pedra, ocultando a súa anterior función funeraria. Contan que un dos sartegos mercouno un labrego coa intención de efectuar no seu interior o salgado do cocho, pero toda a carne alí aqueloutrada podrecía coma se o sal se negase a conservala. A pía non salgaba.

O outro sartego foi cambiado polos bos cartos dun ferreiro que o levou para a súa forxa. Encheuno de auga para meter o ferro candente e temperalo. Pero o ferro non temperaba e fendía. Finalmente as dúas pezas fóronlle devoltas ao veciño que as vendera. 

O sarcófago maior dos atopados quedou no campo xunto á ermida. Case todo o ano está cheo de auga da choiva e os veciños aseguran que desde o seu descubrimento no ano 1847 utilízano os ofrecidos para lavar as mans e os ollos coa finalidade de que o santo lles axude a curar os males. Por isto todos lle chaman "O baño do santo". 

Lugar da lenda: Pontoibo, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña)

[Achega de Xosé María Ferro Formoso, As Pontes. Marzo de 2018]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: