Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pedras

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Os mouros na Terra de Melide I: A Cheminea dos Mouros do Rechinol

Na Terra de Melide e nas comarcas veciñas é moi habitual atoparnos cos mouros  percorrendo as nosas aldeas, cando se lle pregunta ós veciños por mámoas, castros e cousas dos tempos antigos.

Estes mouros tan representativos do noso imaxinario popular, que a pesar de ser uns habitantes que moran baixo a terra non evitan deixarse ver pola superficie e mesmo son responsables das distintas arquitecturas dos tempos prehistóricos, que son visibles na nosa paisaxe.

Na Terra de Melide son os artífices de erguer as antas megalíticas, construír as murallas  e vivendas dos  castros, levantados sobre minas ou vigas de ouro, prata e alcatrán, e tamén de edificar torres e pontes medievais.

A eles atribúeselles a construción do Dolmen do Forno dos Mouros ou o do Foxo do Cabrito (ambos en Toques), así como de practicamente todos os castros da comarca, de levantar a Torre dos Mouros (Sobrado dos Monxes) en época Altomedieval e mesmo de trazar a Ponte de Furelos (Melide) no século XII ou tamén, nunha soa noite, construír o Castelo de Pambre (Palas de Rei). A eles tamén se lles asocia a apertura dalgunha das nosas fontes santas como a de Piñor.

Tamén son hábiles ourives, posto que foron eles, segundo as crenzas populares, os que elaboraron as gargantillas, brazais e pulseiras de ouro atopados no Monte dos Mouros en Toques (e que en realidade están datadas da Idade do Bronce).

Vemos por tanto, que ademais de consideralos coma uns seres argallantes e burleiros, que adoitan facer trasnadas e encantamentos, incluso se fala de  mouras engaiolando ós mortais,  asistimos a súa faceta máis creativa como hábiles e prolíficos executores das máis diversas mostras dos tempos pretéritos.

Máis tamén a eles se lles asocia a modificación da paisaxe e as formas caprichosas das penedías máis destacadas. Vimos como unha moura vella foi a responsable da existencia e colocación da Pena Moura da Moruxosa, despois de carrexala na cabeza valéndose dunha molida, ó tempo que ía fiando.

 

A Cheminea dos Mouros do Rechinol

Tamén foron os mouros os que lle deron forma á Cheminea dos Mouros do Rechinol, como indica o seu topónimo. Esta atopámola na parroquia de Santa María de Vimianzo no Concello de Santiso (A Coruña), proxectada a gran altura sobre o curso do río Furelos, á altura da presa da central eléctrica do Rechinol. Aparece coroando un relevo moi abrupto de rochas escarpadas, con forma de cantís.

A Cheminea dos Mouros ven a ser un bloque exento de rocha metamórfica que mantén un equilibrio inestable, que vai proxectado directamente sobre a vertente. A súa forma amósase moi caprichosa, estilizada e esbelta, o que fixo pensar ás xentes  que fora realizada de maneira artificial polos mouros, de aí xurde ese ocorrente topónimo. Quen a bautizou seguramente cavilou que se trataría da cheminea dunha morada de mouros que vivirían baixo terra no interior das penedas.

No ano 1913 xa foi descrita por Don Eduardo Álvarez Carballido (no Boletín da Real Academia Galega) nos seguintes termos: “el grupo de rocas sito en la margen izquierda, alcanza gran altura y vistos desde abajo, simulan imponentes ruínas pertenecientes a singulares y vetustas fortalezas. De ahí que, no pasaron inadvertidas a los moradores de esta comarca, que desde tiempo inmemorial conocían con el nombre de “Os Castelos” y “Chimenea dos Mouros”… La otra, o sea la segunda, es una gran roca, cuya rara formación geológica hace dudar si la mano del hombre ayudó en su trabajo a la naturaleza: tal es la forma de disgregación que en ella se observa; aparece horadada en toda su altura, formando una rústica chimenea utilizada de tiempo inmemorial por los pastores, únicos visitantes de aquel inculto monte, para encender fuego y calentar sus miembros ateridos por el húmedo cierzo, que los crudos días del invierno les obligaba a abandonar momentaneamente sus rebaños”.

Asistimos por tanto a outro exemplo de atribución das formas erosivas da paisaxe a un pobo (os mouros) capaz de facer e desfacer ó seu antollo.

NOTA: Practicamente todos os vestixios arqueolóxicos antigos desta zona son atribuídos ó pobo mítico dos mouros ou canto menos ós romanos, considerando a estes últimos coma se fosen outra especie de pobo mítico, responsables da realización de canta ponte medieval ou igrexa románica existe no territorio. Con todo aínda existen  raras excepcións, moi puntuais, como a dunha fonte tradicional existente na aldea de Roiriz (Melide), que algún veciño asocia ós celtas.

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Agosto de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: