Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

San Cosme, a terra das meigas

Nesta ocasión enviamos outro texto extraído do libro “Terra de Melide”, no que Vicente Risco e Amador Rodríguez falan das meigas e bruxas da Terra de Melide, sen esquecerse das carteiras ou botadoras de cartas. Nesta zona sempre se soía dicir que a parroquia de San Cosme era a terra das meigas. San Cosme de Abeancos  é unha das vinteseis parroquias que conforman o concello de Melide (A Coruña). Esa parroquia confórmana oito aldeas, e conta cun interesante patrimonio, conformado pola igrexa parroquial, un cruceiro, un castro e un pazo na aldea de Traspedra. Enviamos unha foto da aldea de Eirexe, na que se ve a igrexa da parroquia.

AS BRUXAS.

Hai moitas creenzas referentes ás bruxas, sen variante notábele. Algunhas d’esta terra teñen unha sona espacial.

A máis dina de nota é a vella Cenza, que hai tempo que morreu, mais a quen coñeceron os vellos. Debía ter,  antr’as bruxas d’esta terra unha categoría superior, algo coma raíña ou maiestra.

A vella Cenza era a que “repartía as bruxas pra Sevilla”, e o día de San Xán era ela a encarregada do reparto das moscas.

O seu poder era grandismo. O Antón de Ulloa refire qu’indo unha vez c’unha vaca, e estando a vella Cenza n-un eido, a bruxa tornóu a vaca, e fíxolle dar unha volta redonda.

Cando morréu a vella Cenza, no meio do Rosario, no velatorio, un rapaz d’os qu’alí estaba, pegóu un gran berro tan forte e de tal xeito, qu’alí non quedóu nadia. Todos fuxiron… “ Sería –dí o noso informante- cando saléu o meigallo do corpo da morta”. As bruxas levan pol-o tanto co-elas namentras viven, omeigallo qu’as fai meigas, un axente estrano , máxico, ó que deben seu poder.

Outra poderosa bruxa era a vella Xorxa. Din qu’esta bruxa, á filla do Agra de Sobradela tívoa na cama tolleita catorce anos, e todo porque unha vez lle fora a bruxa pedir esmola e a moza non lla dera. E a rapaza estivo tolleita na cama ata que a vella bruxa morréu.

Hoxe semella que a aldeia das bruxas é San Cosme. É alí onde aparecen de cote as meigas. 
Tamén se fala d’unha vella bruxa que vive hoxe e que fuma. O cual non é estrano, pois seica hai algunhas outras vellas que fuman tamén.

CASOS DE MEIGAS.

Ía un día un home de Moldes levar unha vaca ó almallo á San Martiño; un pouquiniño antes do lugar de San Lourenzo, preto xa de San Martiño, ouvíu uns ruidos de campaíñas, e canto máis s’achegaba ó río, máis medraba o ruido das campaíñas ou xóuxelos. E víu tamén como ó longo do río s’acendían unhas luces moi varias. E inda máis, víu como todo se cubria de fume e o como barullaban as meigas contra el, tal como n-unha feira. Pero non pararon n-esto, pois elas emprendérona con el e tirábanlle areas á puxados e enchérono de lama. Moito máis farían do home aquél, máis valéulle Dios á qu’iba co-as vacas, e arrenegóu ás  meigas porqu’os cornos d’elas forman crús.

De cote se falou dos cornos –en xeral de toda a punta aguda- pra desviar ou pra se defender dos espritos, influenzas ruís, etc. Tocantes á espricadeira de qu’os cornos das vacas fagan crús, é a pirmeira vez qu’a atopamos.

Preto dos Curros, freguesía de San Antoín de Toques, un mozo da Moruxosa ía d’acabalo, e com’era unha noite pecha, perdeu o camiño vagando pol-o monte sen rumo. Apeóuse pra tomalo, mais ó choutar un pasadiro, víu acenderse preto d’il unha lús e ó resprandor d’ela víu tamén como as meigas puñan de pé unha pedra de pico e lle fixeron raer as pernas, facéndoo cair de fuciños e dar co-a cabeza na pedra. Levantouse todo medroñento, e mal coma puido foi chegando á casa, onde sa decatóu da frida grande que fixera e que non lle puido curar n-un mes. E tamén á besta  a fixero sofrir, pois non puido saír da corte en quince días, tan esmagada quedara.

O seguinte refírese coma conto:

Había n-unha aldeia unhas mozas que por meio d’unha untura volvíanse pequeniñas e así podían pasar pol-o pexigo d’unha porta. D’iste xeito, todal-as noites ían alí a unha taberna, onde comían e bebían hastra máis non poder. Tiñan no comercio outra untura e co-ela podían sair tamén pol-a pechadura da porta. Mais un día o mozo d’unha d’elas, depóis de moito axexar, puido dar co-a meiciña que tiñan na súa casa, e ó marcharen elas, untouse do mesmo xeito e com’as mozas quedou pequerrecho. Foise tamén pra  a taberna e comeu e bebeu todo o que quixo. Mais cando quixo sair, non topóu cómo, e tivo que quedar alí. Pra ó outro día ó raiar o sol, erguéronse os amos, e como xa estaban escamados de tanto roulo como lles levaban feito as meigas, emprendérona co-el hastra que quedóu sen dar á pé nen á perna.

As bruxas adoitan tamén coller ós mozos e levalos pol-o ar, levalos ó sitio máis iñorado, e alí darlles unha paliza e deixalos, sen saberen por onde han volver pr’a casa.

SABIAS, FEITICEIRAS, ETC.

Se non sabe se non é o mesmo qu’as bruxas ou meigas, ou son outra cousa.

As que botan as cartas, chámanse carteiras. Adeviñan por elas o que ha pasar, onde están as cousas perdidas, os roubos, etc. Visitamos á unha d’estas carteiras, na mesma vila de Melide, no bairro chamado San Roque. Era unha muller non moi velliña, sen nada de particular, moi falangueira e ben criada. Botóunas riba d’un tallo, sentada ela n-outro tallo, na cociña da casa. Barallóu e fixo cortar primeiro co-a mao dereita e a segunda vez co-a esquerda. Da primeira man, deitóu a baraxa, do xeito corrente, en bustrophedon hourizontal (crar’está qu’ela non coñece esta espresión), ou seña, primeira ringleira d’esquerda pr’a dereita, segunda da dereita pr’a esquerda, terceira d’esquerda pr’a dereita, e así sucesivamente. Despóis erguéunas en cruz, d’esquinal en esquinal opostos, collendo cada vez de cada esquinal duas cartas, en lugar de unha, coma temos visto n-outros casos. Da segunda mau, fixi montós, e mandóu escoller un qu’era o que contiña o que se quería saber. Que lembremos, non atinóu en nada.

Contan d’unha carteira qu’adiviñaba sen baraxa, senón que se puña á escribir sinos na terra, e que por aquello sacaba todo e predecía o que quería.

Hainas que botan a peneira, mais non poidemos ouservar-a maneira en qu’o fan.

Coma pouco temos recollido tocantes á adeviñación fortuíta ou arte augural (agoiros), poremos eiquí o que hai:

1. Com’en toda Galiza son nunciantas de boa sorte as avelaíñas brancas, cand’entran na casa, e de ruín sorte as avelaíñas negras.

2. Igualmente, o ouveo dos cás é sinal de morte.

3. Igualmente para un saber cantos anos vai vivir, vai á mañá en aúnas e conta as veces que oia cantar ó cuco.

[Texto e fotografía remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Xuño de 2015]

 

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: