Pedras
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Cova da Serpe de Friol
Hai moitos lugares con este nome en Galicia. Vénlles por ser ou ter sido moradas de serpes xigantescas ás que moitas veces se conseguiu matar con mañas ou pola forza. Se cadra, a máis coñecida sexa a da parroquia de Miraz, en Friol. Alí vivía unha enorme cobra da que se contan dúas historias diferentes. Unha refire como os veciños, cansos de aturala e de ter que esconderse cada vez que baixaba beber á Poza da Serpe, argallaron de enzoufar un burro en alcatrán e pórllo ó alcance á cobra. Tivo fame, comeuno, e acabouse.
A outra versión conta como se desfixo unha historia de amor que xa nacera desgraciada. Berta, filla de don Lopo das Seixas, señor da Torre de San Paio de Narla, foi salvada por un plebeo de morrer pateada por un cabalo. Namoráronse e todo foi ben ata que o soubo o pai de Berta que lle leu a cartilla, aclarándolle que eles eran fidalgos. Mais ela preferiu fuxir co mozo e fóronse agachar na Cova da Serpe. Non se decataron do perigo. Saíu recibilos o réptil. O mozo sacou un cativo puñal do cinto e pelexou coma un perdido; conseguiu facerlle á cobra unha ferida de morte na testa, pero ela trabouno e morreron ámbolos dous. Dise que Berta toleou e que acabou fundando un convento onde chaman Freiría. O mozo enterrárono no adro da igrexa parroquial de Friol e o lugar onde se coñeceran e na memoria daquel encontro, chámase agora Bertamil, próximo ó lugar de San Paio de Narla. Aquí hai unha cova na que se fan ás veces representacións da lenda.
Extracto de “Diccionario dos seres míticos galegos”
LENDARIO DA TORRE DE XIÁ, SAN PAIO DE NARLA, FRIOL (LUGO)
-A Virxe Catalina da Torre de Xiá (ou de San Paio de Narla) de Friol
-O Pazo de Narla e a traxedia de dona Catarina
-Un fantasma na Torre de San Paio de Narla
BIBLIOGRAFÍA