Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Pena do Unto e outras lendas do castro da Recadieira

O castro da Recadieira localízase no barrio do Coto, parroquia de Os Remedios e concello de Mondoñedo (Lugo). Desde a súa croa, a carón da confluencia dos ríos Tronceda e Cesuras, e de non ser a arboreda mesta que nos cega a vista, enguliríase coa mirada a soberbia mestura estética entre o val mindoniense e as montañas que o abeiran.
Xunto aos tesouros reais e verdadeiros alí atopados (dous torques de ouro, un torques de prata e unha torta de fundición, tamén de ouro, depositados no Museo Provincial de Lugo), este castro e a súa contorna xeraron unha importante literatura lendaria. A saber:

O Cabrito atopou un báculo de ouro polo que lle deron 9.000 reás, e contan que na Exposición de París xa daban máis de 60.000. Era de case dun metro de longo, con dúas bolas ocas nas puntas.
Unha filla do Xaneiro (atopou) unha pedra coma un puño, que deu a non sei quen, e este, para non devolverlla, díxolle que desfixera coma barro.
Hai un xogo de bolos no interior dunhas rochas (os mouro, polo visto, xogan aos bolos) e Rosendo Rubal atopou unha bola e dous bolos.
Unha filla da Roxa do Coto atopou unha pedra pola que lle deron corenta pesos.
Un que lle chaman Cacheiras atopou unha pedra de ouro que lle valeu 22 onzas.
Outro atopou un aro coma un peso de ancho, pero non era de ouro.
Dise que hai moito ouro metido nun caldeiro de cobre, que o caldeiro está no camiño en dirección á Pena do Unto.
Tamén hai quen di que o tesouro está debaixo da mesma pena, que o deixaron alí os mouros, e que ha ser descuberto pola pata dunha cabra.
Ao lado da Pena do Unto existe a entrada dunha cova que agora ten a boca atoada, e que esa cova chegaba por debaixo da terra ata Vilanova de Lourenzá.

A Pena do Unto
Ademais, dentro do propio recinto castrexo existe un elemento natural con evocacións arqueolóxicos e mesmo toponímico-etimolóxicas a considerar.
En canto ao nome deste penedo (Pena do Unto), ben curioso por certo, ninguén, polo de agora, aportou datos clarificadores.
Tendo en conta a súa posible relación con ritos ou prácticas sacrificiais, deixamos aquí a nota de que o termo Unto, procede do latín unguere (unxir, untar, perfumar con aceite), e que do supino do verbo unctum derivan palabras de uso corrente como ungüento, unción, unto e untar.
Este penedo ten unha poza, corgo e canle onde se di que se facían sacrificios. Mesmo hai hai quen asegura (sen fundamento nin proba documental ningunha) que se sacrificaban humanos. Entre eles, j. Villaamil y Castro en “Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia” (1873) onde deixou escrito «que en la concavidad que presenta se adapta un cuerpo humano en posición supina y aptitud muy propia para ser degollado, y que su sangre corra por un profundo canal de un decímetro de ancho y otro tanto de fondo».

_______Agradecemento especial polas informacións facilitadas a Ana, Manolo e Pepe de Bastián, veciños do castro da Recadieira

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: