Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O Marco do Seixo de Vilarmaior

A pedrafrita coñecida como Marco do Seixo sitúase nun cruzamento de camiños, un deles o chamado Camiño Real polo que transitaba gando e mercadurías cara as distintas feiras da comarca. Hai quen considera que fai a función de pedra de termo e que divide os concellos de Monfero e Vilarmaior (A Coruña), e as parroquias de Torres, Vilachá e Monfero. Non moi lonxe do lugar localizáronse 3 ou 4 mámoas.
Co paso do tempo, como consecuencia do recheo e recubrimento dos camiños de arredor con piche, a altura visible do Marco quedou reducida a pouco máis dun metro cando, ao parecer, se lembra que aproximaba aos 2 metros.
Son visibles nas súas caras diversas marcas e gravuras, algunhas en forma de cazoliñas, letras (M e F, probablemente) e outras que semellan cruces, todas polo de agora de moi complicada adscrición cronolóxica. Algúns investigadores consideran que esta pedrafita pode ser a mesma citada en diversos documentos medievais como Marco das Lobeiras pois o monte que a rodea aínda é coñecido na actualidade como Monte das Lobeiras.
En canto a algunhas das prácticas rituais que se facían no Marco do Seixo seguimos as informacións recompiladas por Moncho Boga no blog: http//dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es.
Para curar diversas doenzas tanto do gando como da xente dábanse nove voltas ao redor do Marco, tirando a cada volta unha moeda cara atrás por enriba do ombro. Tamén se tiraban da mesma forma pedras de seixo ou de cuarzo. Entendíase que nas moedas quedaba depositado o mal polo e que quen as apañase expoñíase a recoller tamén o meigallo causante da doenza.
Polo visto tamén se teñen observado no lugar follas, moitas veces dobradas, atravesadas por alfinetes ou agullas.
No caso de teren unha vaca doente levaban ao Marco un pucheiro con leite dos catro tetos da vaca; o primeiro que pasase polo lugar debía romper o cacharro e así rachar, simbolicamente, co mal do animal.
Así mesmo, téñense visto no lugar frascos con xofre, sen que se saiba con certeza cal era a súa finalidade.


NOTA
As fotografías que ilustran este artigo foron tomadas o 5 de agosto de 2013. Guiounos ata o lugar o veciño de Torres, José Luis Veiga.

© Galicia Encantada
_____________________________

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: