Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Trenza Muela, o tronante de San Xoán do Monte Medela

A capela dedicada a San Xoán do Monte Medela (a 468 metros de altitude) asenta sobre os restos dunha antiga anta, medoña ou mámoa na parroquia de Paderne, no concello de Oza-Cesuras (A Coruña). O templo é obra do século XVIII e ocupa o lugar doutro, quizais do século XII ou anterior.

O Marco do Monte Medela Da antiga anta só se conservan dous esteos, un ao nivel do chan e outro coñecido como Marco, que non chegou a desaparecer por consideralo os veciños pedra divisoria entre as parroquias de Loureda e Paderne, no concello de Oza-Cesuras (A Coruña). Sábese por referencias orais que había outras chantas que desapareceron e que a tampa que lle servía de recubrimento puido ser reutilizada primeiro como mesa nun pendello anexo ao templo, e logo para construír o piso do palco da música. No chan do pendello, por certo, seica apareceu unha caixa que contiña unha imaxe de ouro.

Cómo mataron e onde enterraron a trenza Muela, o tronante de San Xoán do Monte Medela Francisco Vales Villamarín escoitoulle a Antonio Barrós, un veciño de Paderne que entón (década de 1970 ou anos anteriores) contaba 87 anos, un relato que conta como o crego e os veciños de Taboada acabaron coa vida dun tronante, coa do mesmo do que fala Leandro Carré Alvarellos en “As lendas tradizonaes galegas” (Porto, s. a.) (» documento: páx. 46 e ss.)

Había nesta parroquia de Paderne “denantes da guerra napoleónica” un cura chamado Juan Rapela e que xa levaba uns tres anos sen poder mallar a causa das treboadas causadas por un escoler. Un día o crego, canso xa de tanto contratempo, decidiu chamar homes para que comezasen a malla mentres el tomaba precaucións meténdose debaixo da mesa e lía nun libro de rezos. Comezou a malla e en seguida caeu das alturas un coitelo moi afiado que se cravou na mesa. Logo caeron dúas zocas, unha tras doutra, e, por último, caeu entre os malladores, enriba dos mollos, o propio tronante. Os homes armados cos seus mallos mallaron no intruso ata matalo. Pero antes de que finase o tronante, seica se escoitou unha voz coma de ultratumba que lles dicía:

Cando vexades que se achega a treboada, dicide para escorrentala: Arrédate, nube negra, desta terra, que está Trenza Muela enterrado en San Xoán de Medela!

E así foi. Os veciños conduciron o cadáver do tronante ata a capela de San Xoán e alí, suponse que polo adro ou polos arredores, enterrárono. E parece que desde entón, nin o crego nin os demais veciños tiveron o máis mínimo problema á hora de poñerse a mallar.

© Galicia Encantada

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: