Un diluvio sobre a aldea de Penamil
Al aldea de Penamil atópase no concello de Navia de Suarna (Lugo), a uns 470 metros de altitude sobre o nivel do mar, case no cimo dunha pequena montaña dende onde se divisa unha engaiolante panorámica. Na mesma aldea, sobre un pequeno curuto, hai un castro moi humanizado por construcións e usos posteriores (igrexa parroquial, cemiterio, casas, labores agrícolas, camiños.).
Do antigo castro aínda se poden ver pedras graníticas de boa feitura que formaban parte da muralla que o protexía. Mais estas pedras, segundo a lenda, non foron levadas alí polos primitivos moradores senón por causas naturais. Dise que hai milleiros de anos o lugar foi asulagado por un terrible diluvio, foi tanta a choiva que caeu que o río Navia, que discorre a unha altitude cen metros máis baixa, subiu tanto o seu caudal que arrastrou ata Penamil as pedras que hoxe en día se poden ver esparexidas polo castro.
[Texto elaborado por Xabier Moure Salgado coa información que lle facilitou o señor Manuel de Penamil. Abril de 2013]