Actualizado en data 11/08/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O Marco de San Lourenzo

O Marco de San Lourenzo, como outros chantos pétreos que hai polo país adiante, é un monumento a protexer, merecente de ser declarado Ben de Interese Cultural polo seu valor patrimonial e ata sentimental. Ademais de ser un lugar sagrado con efectos curativos marabillosos, o Marco de San Lourenzo fai ás veces de pedra de termo entre dous concellos e catro parroquias: Maniños e Limodre, que pertencen a Fene, e Laraxe e San Martiño do Porto do concello de Cabanas. Quen o desexe atopar pode ir pola estrada que vai de Laraxe a Limodre e, unha vez sobrepasada a ponte sobre a autoestrada, tomar un camiño a man dereita entre o monte; se vai desde o lugar de Prismos, en Maniños, abonda seguir o carreiro sinalado nun indicador. Cando o descubrades, ides quedar sorprendidos pola súa feitura, pola evidencia de que alí segue acudindo xente e pola cantidade de ofrendas depositadas. O rumor do vento entre as pólas dos eucaliptos e dos carballos transportaranvos, estou ben certo, a un tempo que xa non é. Crese que o esteo, agora con aspecto de pedra melada de dúas cuartas de alto, tres de lonxitude e menos de unha de ancho, foi a ara do altar maior dunha capela dedicada a San Lourenzo. Tamén hai quen supón que antes de haber capela apareceu a imaxe nunha cova e que a pedra xa existía como menhir ritual, logo cristianizado. Desde que hai memoria, practicáronse alí ritos contra meigallos, aollamentos e envexas, para favorecer ou interromper a fecundación das mulleres. As parroquias veciñas encargábanse alternativamente de celebrar unha romería en honor do santo ata que unha explosión de foguetería almacenada no interior derrubou o edificio. Daquela explosión só se salvou o marco e a imaxe do santo que desde entón, tras un conflicto pola propiedade cos veciños de Maniños, pasou a ser homenaxeado na parroquial de Laraxe cada 10 de agosto. Cabo do marco encontramos unha parella, home e muller maiores, veciños da aldea próxima, sorprendidos pola nosa presenza. A conversa, no entanto, resultou clarificadora para saber porque hai alí sosténs, bragas, calcetíns de criaturas, algúns semiqueimados, moedas pousadas sobre o marco ou ciscadas polo chan, restos de cera nunha capeliña de madeira, un tarro de vidro coa tapa metálica perforada, envoltorios de plástico, flores verdes e secas, ósos e un carreiro tripado arredor do esteo. Dixéronnos que acoden xentes, sobre todo mulleres, que procuran a curación dalgunha enfermidade propia ou dalgún familiar, e que hai quen leva anacos da pedra para a casa, para pendurar do pescozo ou para levar no peto como amuleto. Os días propicios para pedir o favor da pedra son os venres e os martes, preferentemente os primeiros do mes. Débese ir sempre de noite, na compaña de dúas persoas e sen falar, con nove pedras recollidas nunha encrucillada e non regresar polo camiño polo que se foi. Unha vez alí hai que dar nove voltas arredor do marco, a cada volta tirar unha das pedras e recitar unha oración segundo o pedimento fora por ameigamento, aborto ou preñadura. De non estar presente o ofrecido, hai que deixar algunha prenda de seu e non esquecer unha esmola en metálico. Sobre os rituais que se practican neste marco pódese consultar un artigo que recomendo, asinado por Eva Loureiro e publicado na Revista Eumesa de Estudios, nº 10, 2003. Pero non esquezades que as arelas expansivas dun polígono industrial ameazan seriamente o porvir do Marco de San Lourenzo e sería moi triste que un interese especulativo matase dous ou tres milenios de esperanza.

© Antonio Reigosa. Artigo publicado en Xornal de Galicia, 8-VIII-2010.


Segundo un estudio sobre “Arqueoloxía Prehistórica” realizado en 1984 por alumnos do Instituto de Formación Profesional de Barallobre, arredor da pedra obsérvanse unhas ruínas do que foi unha ermida adicada a San Lourenzo. O citado estudio describe algúns dos ritos que practican os veciños do lugar, para curar determinadas doenzas no marco de San Lourenzo:

«Saen da casa do enfermo tres persoas, unha delas o propio doente, se este non pode ir irá alguén que o represente, levando unha prenda persoal que deixará no marco; antes de sair hai que deixar na casa un bolo de pan recén cocido, cun coitelo cravado no medio e unha vela acesa. A ida e a volta han de se facer por camiños diferentes. Os martes e os venres son os días máis propicios para os ritos.Lévanse tamén 9 pedras que se tiran de unha en unha nas 9 voltas que se dan ó menhir por riba do ombro esquerdo e faise o sinal da cruz en cada volta. Se se trata dunha persoa, o sinal faise cunha boina dun home que vaia á misa, e dise: Deus te deu / Deus te criou / Deus che quita o mal de ollo / Que algunha persoa cho botou».

Fonte: https://fene.gal/portal-cidadan/info-asociacion/gl/258


Fotografía: Francisco Vales Villamarín no Marco de San Lourenzo (Fotogr. de José Antonio Veiga Sánchez, ano 1972 ou anteriores).

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: